Pontón pedirá explicacións a Rueda pola súa traizón a Galiza no traspaso da AP-9 ou na negociación da quita de 4.000 M€
Rodil avanza que o BNG levará ao Pleno a “onda a favor do galego” fronte a un PP que “non fixo nada” malia a situación de emerxencia lingüística
O Bloque defenderá unha iniciativa para loitar contra o lume máis alá da extinción, evitando consecuencias catastróficas como a de Viana do Bolo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control do vindeiro Pleno para preguntarlle a Alfonso Rueda, “cando vai deixar de antepoñer os intereses do PP aos de Galiza” ou, dito doutro xeito, “cando pensa exercer de presidente da Xunta e deixar de facer de representante de Génova 13”.
Así o avanzou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces na que se decidiu a axenda do próximo Pleno, no que, segundo detallou, Pontón pedirá explicacións ao presidente da Xunta pola súa “traizón” a Galiza e os intereses dos galegos e as galegas no que ten que ver co “intento de boicotear” o traspaso da AP-9 a Galiza.
“Unha traizón a este País por parte do mesmo partido que é responsable de que as galegas o os galegos aínda esteamos pagando as abusivas peaxes por unha prórroga ilegal concedida por José María Aznar no ano 2000”, criticou Rodil.
A deputada nacionalista aludiu tamén á negativa do Goberno da Xunta a acudir ás mesas de negociación sobre o novo sistema de financiamento ou ao rexeitamento da quita da débeda de 4.000 millóns de euros negociada polo BNG –para blindar a sanidade, mellorar a educación ou garantir máis prazas públicas no sistema de dependencia– como exemplos de que “ o PP de Rueda escolle sempre os intereses electoralistas de Génova antes que defender Galiza”.
De cara ao próximo Pleno, o BNG pediu, por outra banda, a comparecencia da conselleira de Medio Rural para dar conta da actuación da Xunta diante do incendio de Viana e das “consecuencias catastróficas” que provocaron neste concello as trombas de auga e os arrastres desde os montes queimados no verán de 2025, como xa acontecera antes na Rúa “ante a pasividade absoluta do Goberno do PP na Xunta, que chega sempre tarde, mal e arrastro”
“A política pública en materia de incendios forestais non pode limitarse á resposta de extinción unha vez iniciado o lume”, advertiu Olalla Rodil para avanzar que, malia o veto do PP á comparecencia da conselleira, o Bloque levará esta cuestión ao Pleno a través dunha interpelación e unha proposición non de lei que busca “integrar de maneira coherente a prevención, a protección do territorio, a formación, a vixilancia, a detección temperá, a dirección operativa, a coordinación entre administracións e a avaliación posterior dos operativos” de loita contra o lume.
Trátase, afondou a viceportavoz nacionalista, dunha “visión integral que resulta especialmente necesaria nun escenario marcado por incendios de evolución máis rápida, comportamento máis errático e maior risco para o persoal intervinte e para a poboación”.
É por iso que, entre outras cuestións, a iniciativa do BNG propón revisar os protocolos de seguridade e avaliación do risco aplicables a este tipo de incendios, implantar un procedemento obrigatorio de avaliación postintervención ao remate de cada campaña de alto risco ou tras cada incendio especialmente relevante, ou garantir criterios homoxéneos de intervención, coordinación e seguridade para o conxunto do dispositivo antiincendios.
As propostas sobre o galego, baixo sete chaves
A situación de emerxencia lingüística do galego será o terceiro gran tema na axenda do Bloque para o vindeiro Pleno, ao que levará a “onda a favor da lingua propia” e o movemento social a prol dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas. “Fronte a un PP que ataca, por acción ou omisión, a lingua que nos une como galegas e galegos, a cidadanía leva anos traballando a favor do galego”, expuxo Rodil.
A deputada do BNG referiuse neste punto á iniciativa escolar Aquí tamén se fala –que vén de conseguir que o Deportivo adopte a forma oficial do topónimo da Coruña– e o traballo de hai anos de Queremos Galego, que ante a emerxencia lingüística impulsou unha batería de propostas no proceso de Lingua Vital a favor do galego, recollidas na iniciativa nacionalista.
Rodil lembrou que máis de un ano despois de coñecerse a situación de emerxencia que vive o galego, un ano despois de anunciar a Xunta a revisión do Plan de Normalización e medio ano despois de dicir que ían facer públicas as conclusión dos grupos de persoas expertas que crearon, “o Goberno do PP non fixo nada”.
“Nin unha soa medida a favor do galego”, concluíu Rodil, censurando que “máis ao contrario, continúa en vigor a lexislación que o PP impuxo para excluír o galego das aulas en Infantil ou nas materias científico tecnolóxicas”.
Que pasa coas recomendacións das persoas expertas que están pechas coas sete chaves? Que din esas recomendacións sobre o sistema educativo como axente desgaleguizador?, preguntouse a viceportavoz do BNG.