Pontón lamenta que Rueda se poña do lado das políticas racistas e xenófobas que lle marca Madrid e non da dignidade humana

Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG pregúntase se o que queren no Partido Popular é ter persoas traballando de maneira ilegal para ser explotadas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que Rueda, na vez de defender a dignidade humana, se poña do lado das políticas racistas e xenófobas que lle marca o PP de Madrid no proceso de regularización que está a impulsar o Goberno central e que beneficiará polo menos a 500.000 inmigrantes no conxunto do Estado.

“Que é o que lle molesta ao PP? Que a xente teña dereitos, que esas persoas que están traballando aquí poidan regularizar a súa situación?”, preguntou, subliñando neste punto ademais os problemas que existen no País para atopar man de obra. “Eses inmigrantes xa están aquí, traballando na hostalaría, coidando das persoas e no sector gandeiro ou no pesqueiro”, apuntou.

A líder do BNG afeou ademais a “enorme hipocrisía” do PP, que cando gobernou no Estado fixo regularizacións deste tipo e agora “parece que se está apuntando ás políticas racistas e xenófobas que para nada representan aos galegos e ás galegas”.

Afirmou que o BNG está a favor de que “as persoas teñan dereitos”, e preguntouse se o PP “quere que as persoas estean traballando aquí de maneira ilegal para que poidan ser explotadas”. Ademais, recalcou que Galiza é un pobo de xente emigrante que “sabemos o importante que é que haxa unha boa acollida”.

O PP ten que pedir desculpas ás mulleres

Por outra banda, a portavoz nacional referiuse en resposta aos medios de comunicación á comparecencia prevista do ex conselleiro do Mar Alfonso Villares. Sen coñecer aínda o contido da mesma, Pontón considerou que é o PP e o Goberno de Rueda “quen debe pedir unha desculpa a todas as mulleres e a todas as vítimas que denuncian casos de agresión sexual” .

Argumentou así que cando se coñeceu a denuncia contra o ex conselleiro, o PP “non foi neutral” e “claramente se puxo do lado do presunto agresor e non da presunta vítima”. “Cando hai calquera tipo de denuncia, a nosa obriga é sempre poñernos do lado das mulleres que denuncian”, engadiu, destacando neste punto, sempre desde o respecto á Xustiza, a dificultade que existen á hora de verificar delitos de agresión ou acoso sexual e que esta é, precisamente, unha das cuestións polas que moitas vítimas deciden non acudir aos xulgados.