Pontón inicia unha viaxe a Brasil, un País cun enorme potencial para os sectores económicos, produtivos e culturais de Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, continúa coa súa axenda internacional, neste caso cunha viaxe a Brasil no marco da celebración do 8º Congreso do Partido dos Traballadores do presidente Luiz Inácio de Lula da Silva, viaxe no que a líder do BNG manterá diversos encontros bilaterais con responsables do PT e do goberno brasileiro, entre os que figura unha reunión coa ministra da Mulher, Márcia Lopes.
Nesta viaxe internacional, Pontón volve estar acompañada pola eurodeputada e responsable da Área de Internacional, Ana Miranda, para desenvolver unha axenda centrada en ampliar e mellorar as relacións entre Galiza e Brasil, un país co que a Galiza lle une a lingua e que ten un enorme potencial económico para as empresas e os sectores produtivos galegos.
O BNG considera importante aproveitar ese potencial e mellorar as relacións comerciais co país americano, empezando por corrixir o desequilibrio comercial, tendo en conta que a balanza exterior de Galiza con Brasil en 2025 sumou 320 millóns de euros, dos que as importacións ascenden a 250 M€ e as exportacións galegas apenas acadan os 70 M€. Un desequilibrio que podería agrandarse cun acordo MERCOSUR no que os produtores galegos terían que competir en desigualdade de condicións.
En todo caso, a portavoz nacional, Ana Pontón, entende que “hai un enorme potencial por explorar, pero para iso Galiza precisa unha estratexia institucional e comercial clara e definida para aumentar os fluxos de negocio con Brasil”.
“Galiza e Brasil comparten vocación atlántica e sectores como a pesca, a acuicultura e a construción naval; de tal xeito que áreas de negocio e de desenvolvemento como a tecnoloxía pesqueira, a sustentabilidade mariña e a loxística portuaria poden ser sectores de cooperación estratéxica”, explica a líder do Bloque.
Pontón tamén afronta esta visita poñendo o foco nas oportunidades que ofrece o ter unha lingua compartida e subliña que a lusofonía “é unha oportunidade económica e cultural que, inexplicablemente, o actual goberno do PP se empeña en ignorar, cando non en boicotear, como está facendo desaproveitando o marco que dá a Lei Paz Andrade. Desde o BNG pensamos que non se pode desperdiciar este caudal cultural e económico da lusofonía, unha ventá de oportunidade para Galiza”.
Neste sentido, a líder do Bloque tamén abordará a importancia de impulsar os programas de intercambio universitario e as colaboracións en investigación, en particular en áreas como as ciencias do mar, a biotecnoloxía, a lingua e a cultura.
Hoxe viven en Galiza 11.200 brasileiros, mentres que o 9,6% do total de galegos e galegas residentes no estranxeiro están no Brasil, cerca de 54.000 persoas.
Nun contexto de guerra en Oriente Próximo, a visita de Pontón tamén servirá para trasladar a opinión do BNG a favor da paz, dos dereitos humanos e da legalidade internacional, apostando polo multilateralismo para a resolución de conflitos e deixando clara a súa rotunda condena da guerra ilegal en Irán, como antes condenou o xenocidio en Gaza e todas as guerras que só xeran un mundo máis perigoso e máis inxusto para a toda a humanidade.
Igualmente, e na reunión coa ministra da Mulher, a portavoz nacional compartirá con Márcia Lopes a súa preocupación polo avance do discurso negacionista e antifeminista da extrema dereita, que está poñendo en risco avances que se pensaban consolidados, unha onda reaccionaria en contra dos dereitos e da igualdade das mulleres que é común tanto en Europa como no continente americano.