Pontón:“A Gürtel non a inventamos nós nin os papeis onde aparece a concesionaria da Costa da Morte"

A parlamentaria propuxo paralizar a xestión da autoestrada Santo Domingo-Ourense, o ramal do Carballiño, o proceso de negociación coas concesionarias das autovías do Salnés e Barbanza e deixar sen efecto a reformulación do contrato da autovía da Costa da Morte

O Partido popular rexeitou hoxe a Proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Ana Pontón destinada a paralizar a autoestrada Santo Domingo-Ourense, o ramal do Carballiño, o proceso de negociación coas concesionarias das autovías do Salnés e Barbanza e deixar sen efecto a reformulación do contrato da autovía da Costa da Morte.

Para a deputada, aprobar a proposta do BNG evitaría que todos os galegos e galegas “paguen máis polas obras” e tamén un “desgusto” ao PP ante un proceso “ilegal” que de continuar adiante coa modificación da lei de contratos, para beneficiar a concesionaria da Costa da Morte, todo o “grupo parlamentario popular pode ser imputado”.

Neste sentido, lembrou que no ano 2008 foi adxudicada a obra para iniciar as obras no 2009, ano no que o Partido popular chega a Xunta e decide resolver ese contrato e indemnizando á empresa para facer unha segunda adxudicación cun sobrecuste de máis de 150 millóns de euros que tras unha grande resposta social se ve obrigado a rescindir para iniciar unha terceira adxudicación que gaña COPASA, empresa citada na Trama Gürtel, “nós non inventamos esa trama nin os papeis nos que figura a empresa”, manifestou a deputada.

Unha obra que segundo afirmou o propio Feijóo, custaba 208 millóns foi adxudicada, por medio dunha financiación público-privado, por 745 millóns de euros, iso, dixo, é o que vostedes van ter que explicar e porqué a empresa que incumpre o contrato vai a acollerse a unha disposición adicional para non ser penalizada. Disposición adicional, explicou que os propios servizos xurídicos da Cámara galega cuestiona nun informe por “vulneración da legalidade”.

 Non hai risco sobre a estabilidade financeira da Xunta, remarcou Pontón, o que resulta evidente é que a empresa non ten os cartos e imos pagar o “dobre” por qm construído sobre o custe inicial. Vostedes, “volven a castigar a Costa da Morte” e dubidamos que con este apaño vexamos unha autovía nese ámbito.

Hoxe podemos parar ese “desfalco” e defender a autovía da costa da Morte e tamén parar “esa política fraudulenta para engordar as construtoras”.

Finalmente, a Proposición non de lei do BNG foi apoiada polos grupos da oposición e rexeitada polo Partido popular.