Pontón: Feijóo debe explicar o suposto financiamento ilegal do Partido popular
O grupo parlamentario do BNG solicita a comparecencia en pleno do Presidente da Xunta para que explique a vinculación do PPdeG nos papeis de Bárcenas
As deputadas do BNG, Ana Pontón e Tereixa Paz compareceron hoxe, en sede parlamentar ante os medios de comunicación, ao fin de valorar a comisión de estudo contra a corrupción celebrada recentemente no Parlamento galego.
No transcurso da rolda de prensa, a deputada Ana Pontón aludiu a diversas iniciativas rexistradas polo grupo parlamentario nacionalista co obxecto de interpelar ao Presidente da Xunta en relación á suposta financiación do Partido popular na que o PPdG resulta ser un elemento central por citar como donantes empresas que resultaron adxudicatarias de importantes contratos coa Xunta de Galiza durante os gobernos do PP.
Para a deputada, o Presidente da Xunta negouse sempre a dar explicacións sobre as súas relacións co narcotraficante Marcial Dorado e a presunta financiación ilegal do Partido popular proceder que estendeu ao Presidente do Goberno central polo que pediu a dimisión de Núñez Fejóo e Mariano Rajoy e a convocatoria de novas eleccións.
A parlamentaria considerou que a situación en torno á corrupción no Partido popular é gravísima con financiación irregular e sobresoldos que nos escandalizan manifestou ademais da vinculación clara con Galiza e con Núñez Feijóo, afirmou.
Na súa opinión, os datos publicados por distintos medios de comunicación están a incrementar o descrédito do Partido popular que desgraciadamente goberna na Xunta e no Estado e para nós toda esta información deslexitima a calquera goberno polo que reiterou que Feijóo e Rajoy deben dimitir.
Comparecencias de perfil plano na Comisión contra a corrupción
Pola súa parte, a deputada, Tereixa Paz solicitou habilitar a comisión de estudo contra a corrupción no vindeiro período de sesións e denunciou que o plan de traballo da recen rematada comisión foi estruturado polo partido maioritario na Cámara galega para non abondar no fondo das derivacións políticas da corrupción en Galiza e evitar a asunción de responsabilidades políticas por parte do Partido popular.
Paz lembrou que en dous meses de traballo da comisión, as comparecencias foron de perfil plano e non polas persoas, puntualizou, senón polo contido que lle deu o Partido popular.
Unha comisión pechada en falso
Tereixa Paz cualificou de resultado incompleto e inconexo coa realidade que non comparecera ningún responsable da Xunta de Galiza nin o presidente nin aqueles que están presuntamente vinculados cos casos de corrupción nas distintas institucións, criticou.
A parlamentaria reiterou que o BNG solicita a comparecencia en pleno do Presidente da Xunta para explicar a relación das empresas que aparecen reflectidas nos papeis de Bárcenas e tamén pola derivación da trama Gürtell coa financiación do Partido popular.
As persoas que compareceron na comisión, dixo, non tiñan ningunha relación directa con esta trama polo que resulta imposible facer ningún tipo de valoración.
Sobre a documentación da Comisión de Estudo contra a corrupción, a nacionalista acusou ao Partido popular de remitir documentos sen contido e pertencentes a organismos internacionais e oficiais que calquera cidadán podería ter consultado na internet, sen embargo, foron negados outros documentos relacionados cos contratos de empresas que beneficiaron ao Partido popular.
Para o BNG, afirmou, a comisión non está rematada e á vista dos últimos datos que afectan ao Partido popular e concretamente ao Presidente da Xunta debe ser habilitada esta comisión para ampliar o calendario de traballo con novas comparecencias para dar resposta a financiación ilegal do PP e axuntar a documentación que permita probar ese financiamento.