Pontón exíxelle a Rueda que desautorice a posible moción de censura en Lugo

Ana Pontón
O PP aprovéitase da morte de dúas persoas e dunha tránsfuga: "É inmoral"

“Hoxe quero referirme a un asunto que nos preocupa, como é o anuncio de que se pode rexistrar nas próximas horas unha moción de censura en Lugo. Quero pedirlle ao señor Rueda que desautorice inmediatamente unha moción de censura que é inmoral e indecente politicamente, porque creo que ninguén entende, nin en Lugo nin no conxunto do País, que o Partido Popular queira aproveitarse da morte de dúas concelleiras, e dunha tránsfuga do Partido Socialista, para poder chegar a unha alcaldía nunha situación destas características.

En política non vale todo; o Partido Popular debe respectar a vontade que saíu das urnas nas pasadas eleccións en Lugo. É unha indecencia desde o punto de vista político e moral que o Partido Popular queira aproveitarse dunha situación como é o falecemento de persoas no Concello de Lugo para chegar á alcaldía intentando conseguir nos despachos, con acordos escuros, o que non conseguen nas urnas.

Pídolle ao señor Rueda que entenda que en política non vale todo e que paralice esta moción de censura indecente e impresentable politicamente”.