Pontón exixe a dimisión de Rueda pola peor xestión dunha vaga de lumes na historia de Galiza

Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG sinala que os incendios deixan máis de 162.000 hectáreas arrasadas, perdas multimillonarias e unha crise de confianza no Goberno galego

Reclama un cambio de rumbo nas políticas forestais e de medio rural para evitar que se repitan catástrofes deste tipo

 

 

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, cualificou como unha auténtica catástrofe ambiental, social e económica a vaga de lumes que arrasou Galiza desde o pasado 8 de agosto, con máis de 162.000 hectáreas queimadas, segundo o satélite Copernicus, miles de persoas desaloxadas, 180 casas destruídas e centos de explotacións agrogandeiras e forestais afectadas.

Pontón trasladou en primeiro lugar a súa solidariedade coas persoas que viviron con angustia a ameaza do lume nas súas casas, así como coas brigadas e veciñanza que se mobilizaron para salvar aldeas enteiras. Lembrou tamén aos tres brigadistas hospitalizados, aos que desexou unha pronta recuperación.

A líder nacionalista foi contundente: “Estamos ante a maior vaga de incendios da nosa historia e ante a peor xestión dun Goberno que fallou estrepitosamente”. Neste sentido, fixo un repaso dos fallos de Rueda:

  • Na prevención, ao deixar sen executar 11 millóns de euros en 2025 para actuacións clave, incluídas franxas de protección en zonas de alto risco.
  • Na política rural, permitindo que avance o despoboamento e o abandono, especialmente en provincias como Ourense.
  • Na xestión da crise, chegando tarde, con operativos incompletos, motobombas paralizadas, prazas sen cubrir e ordes contraditorias.
  • Na transparencia, ocultando datos e minimizando a superficie afectada respecto do que indican os satélites, e agochando lumes como o de Pena Trevinca.

Pontón denunciou que, mentres milleiros de persoas se enfrontaban soas ao lume, Rueda asistía a actos de partido, e acusou ao PP de recorrer de novo á mentira para tapar as súas responsabilidades: “Fixérono co Prestige, con Angrois, e agora volven facelo cos incendios”.

A portavoz do BNG concluíu que Galiza queda arrasada polos lumes e polo fume, pero tamén pola indignación social ante un presidente que perdeu toda lexitimidade: “Só hai unha resposta posible: a responsabilidade política. Rueda debe dimitir xa”.