Pontón empraza a Rueda a cambiar as ameazas por solucións para o alumnado máis vulnerable do CEIP Ana María Diéguez
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou o Goberno de Rueda a “deixar de lado as ameazas” e a aportar solucións para que o alumnado con necesidades educativas especiais do CEIP Ana María Diéguez de Rianxo reciban a atención “que precisan, que merecen e á que teñen dereito”. “Non estamos falando de luxos nin privilexios”, advertiu, para preguntarse se “de verdade con 13.000 M€ de orzamento o Executivo do PP non é capaz de garantir que este alumnado teña os tres docentes que precisa”.
Pontón trasladou o apoio do BNG ás reivindicacións da Asociación de Nais e Pais (Anpa) deste centro, coas que mantivo un encontro para analizar a atención ás nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo, ás que a Consellería de Educación lles nega o profesorado que precisan de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. No canto de aportar solucións, denunciou, o Goberno do PP ameaza as familias que se mobilizan desde o inicio do curso.
“É impresentable que o Goberno de Rueda, en lugar de poñer a disposición das familias e do centro educativo unha solución teña a indecencia política de ameazar as nais e pais con accións legais a través das familias”, declarou tras o encontro ao que tamén asistiron a deputada do BNG na comarca, Rosana Pérez, e a portavoz de Ensino do BNG no Parlamento, Cristina Fernández.
A líder do BNG considerou igualmente “impresentable” que as familias se vexan obrigadas a saír á rúa “pelexando e mobilizándose” para que os seus fillos e fillas conten cos medios suficientes para ser atendidos. No caso do centro de Asados, especificou, resulta imprescindible que a Consellería incremente o cadro de persoal contratando a tempo completo un docente de Pedagoxía Terapéutica (PT) e outro de Audición e Linguaxe (AL), e un orientador.
Afondando nesta cuestión, a portavoz nacional insistiu en que o que están a pedir as familias desde a Anpa no é un “luxo”, senón unha “cuestión de xustiza”, polo que reclamou ao Executivo de Rueda unha “rectificación inmediata” que, precisou, os populares poden comezar mañá mesmo amosando o seu apoio á iniciativa que o BNG defenderá no Parlamento sobre o centro de Asados.