Pontón destaca a talla política e humana de Vítor Guerreiro: “É o espello no que mirarnos para volver gobernar As Pontes”

Homenaxe a Vítor Guerreiro
Sentida homenaxe do BNG a este militante histórico, alcalde con tres maiorías absolutas e referente de compromiso co seu concello e Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de homenaxe do BNG a Vítor Guerreiro, Vitolo, quen fora alcalde das Pontes tres veces consecutivas e un referente do nacionalismo, tanto pola súas calidades políticas como humanas, un exemplo de compromiso co seu concello e con Galiza.

“Vitolo demostrou unha grande entrega a Galiza e As Pontes, cunha inmensa xenerosidade a favor do País e cunha coraxe política admirable;  un exemplo daqueles homes e mulleres militantes dos anos setenta e comezos dos oitenta sen os que o nacionalismo galego non sería o que hoxe é, abrindo o camiño que logo transitamos as xeracións posteriores”, explicou Pontón.

No traballo político, destacou a súa entrega As Pontes “por facer deste un concello vivo e dinámico, por xestionar novos proxectos e investimentos, un traballo que foi recoñecido con tres maiorías absolutas e, o máis importante aínda, -recalcou Pontón-, o seu nome é hoxe unha lembranza moi viva nos corazóns da veciñanza, das amizades e de todas as persoas que tivemos a sorte de tratalo, pouco ou moito. Por iso hoxe estamos aquí”.

Neste sentido, e nun contexto político no que se celebrarán eleccións municipais dentro dun ano, Pontón puxo ao homenaxeado como exemplo a seguir para que o BNG volva liderar As Pontes: “Vítor Guerreiro segue a ser exemplo de como hai que traballar para gañarmos a confianza da veciñanza, o respecto e o cariño, que foi o que el gañou nas Pontes, máis aló do cargo de alcalde”, destacou.

Por iso, instou “a mirarse no seu espello como militante nacionalista e como alcalde para prepararse de novo para gobernar o concello, coa mesma ilusión e coa mesma entrega que el o fixo unha e outra vez. Esa será, sen dúbida algunha, a mellor homenaxe que neste momento lle poderemos tributar a Vítor Guerreiro”, recalcou a líder do Bloque.

O BNG é unha organización con 40 anos de historia ao servizo deste País, por e para Galiza, pero as organizacións están formadas por persoas que as fan fortes, que as fan medrar, explicou a portavoz nacional, “persoas como Vitolo e tantos outros co seu exemplo”, por iso, subliñou no acto desta sentida homenaxe.

“Poucos xestos son tan xustos e tan necesarios na política como aqueles que serven para recoñecer o traballo das persoas que dedicaron unha boa parte das súas vidas a construír País e a facer dos seus concellos un lugar para traballar e para vivir”, destacou a líder do Bloque, ante a militancia e a veciñanza que asistiu ao acto de lembranza e recoñecemento.

Pontón rememorou a Vítor Guerreiro como un daqueles integrantes da primeira militancia nacionalista que despois de anos moi duros de loita contra a ditadura deu o paso de presentarse ás eleccións xerais de 1977 e ás primeiras eleccións democráticas aos concellos, “dando a cara polo nacionalismo galego en todo nun momento político certamente moi difícil, moi delicado, moi complexo e no que Galiza non tiña aínda institucións propias”.

“Vitolo era, como el mesmo se definía, un home sinxelo, modesto, aberto a todo o mundo,  coas calidades humanas que lle fixeron merecedor do aprecio e do cariño da veciñanza”, concluíu Pontón, nun acto no que tamén participaron compañeiros e compañeiras de Guerreiro nas distintas corporacións, familiares, amizades, militantes e veciñanza das Pontes.