Pontón destaca a planificación e actuacións estratéxicas do goberno de Sanmartín para construír o Santiago do futuro
Exemplifica nos proxectos de rexeneración urbanística postos en marcha polo executivo local a capacidade do BNG para mellorar a vida das persoas
“A alcaldesa e o seu equipo teñen un proxecto sólido e con visión de futuro para transformar Compostela con accións estruturais”, alega
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou a planificación e actuacións estratéxicas do goberno municipal liderado por Goretti Sanmartín para construír “o Santiago do futuro”, logo da reunión que mantivo coa alcaldesa e o seu equipo para abordar os proxectos que está a desenvolver o executivo local en materia de rexeneración e transformación urbana.
Pontón puxo en valor a “visión estratéxica” da alcaldesa nun momento no que precisamente o que máis se lle critica á política é o curtopracismo. “O que estamos vendo é a unha alcaldesa que ten luces longas, que está pensando en como construír o Santiago do futuro e que o está facendo con valentía, con decisión, con determinación e coa convicción de que isto é o que necesita neste momento a cidade”, afondou.
Fronte á parálise sufrida pola cidade nos tres últimos mandatos, a portavoz nacional puxo en valor a xestión de Sanmartín impulsando “cambios estratéxicos” que considerou fundamentais para “construír a Compostela do futuro”.
E faino ademais, subliñou, poñendo o foco nunha cuestión que o BNG xa ten testada noutras partes do País como é a concepción do espazo público como “un dereito cidadán” que hai que recuperar. “Gañar calidade de vida nos espazos urbanos é unha forma de que as persoas vivan mellor e de xerar dinamismo económico”, indicou para subliñar “o cambio de modelo” posto en marcha en Compostela como base para “seguir construíndose no futuro”.
A líder nacionalista recordou que o goberno municipal tivo que enfrontar no curto prazo actuacións moi importantes e que o fixo coa decisión e a determinación necesarias para sacalas adiante nun contexto político como o que hai en Santiago e que, advertiu, “non é simple”.
En concreto, referiuse a “poñer o dereito á vivenda por riba da especulación”, con medidas como a regulación dos pisos turísticos ou a posta en marcha da taxa turística, e ao deseño dunha planificación estratéxica de cidade que ten en conta a todos e cada un dos seus barrios e non só ao casco histórico.
Neste sentido, destacou que as actuacións en materia de rexeneración urbanística analizadas na reunión de hoxe coa alcaldesa e o seu equipo evidencian que hai “un goberno con determinación” que decidiu “con valentía” actuar en ámbitos urbanos onde “había moitísimo tempo que se dicía que había que facelo, pero que ningún goberno tivera a determinación de poñer en marcha este tipo de proxectos”.
“Estamos ante un cambio de modelo moi importante, co que se quere poñer as persoas no centro e que quere ir cara a unha mobilidade moito máis amable e moito máis inclusiva”, sintetizou.
Pontón felicitou ao goberno municipal pola súa decisión e valentía e por saber “romper co curtopracismo” e comezar a deseñar a cidade de Santiago do futuro, sentando as bases sobre as que se ten que construír cun modelo que aposta por unha cidade “máis sustentable, máis inclusiva, máis verde e máis humana”.
“Este é un proxecto de goberno claro e sólido, que ten visión de futuro, que aposta pola planificación e que vai permitir levar adiante accións estruturais que van a transformar Compostela como a coñecemos hoxe”, subliñou a portavoz nacional, quen se referiu a este xeito de xestionar como un exemplo de como goberna o BNG. “Estamos para actuar, para transformar en positivo a realidade, para poñer as persoas no centro”, resumiu.
Nesta liña, indicou que os gobernos do Bloque son tamén un exemplo en moitos sentidos, como na súa clara aposta tamén pola participación cidadá ou polo uso responsable dos recursos públicos “sen despilfarro”.
“Neste tempo que levamos á fronte do goberno municipal de Santiago de Compostela nótase que hai un rumbo claro e creo que esta é unha gran noticia para unha cidade tan importante no noso País que é ademais a capital de Galiza”, concluíu.