Pontón destaca o gran traballo do goberno de Castaño que xa logrou enderezar o rumbo de Catoira con políticas a favor da veciñanza
Subliña as medidas que melloran a vida das persoas e critica que o concello teña que asumir servizos clave que son competencia da Xunta
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Catoira no acto de celebración organizado polo goberno municipal conmemorando a maioría absoluta dos pasados comicios locais, que permitiu abrir “un tempo novo” no concello, acto que aproveitou para valorar o traballo que están realizando o equipo que lidera o alcalde Xoán Castaño.
“Estou especialmente contenta de estar aquí para celebrar que Catoira se teña convertido nun concello que mira ao futuro con optimismo e con esperanza, sabendo que conta cun goberno con razón e con corazón. Un goberno liderado polo compañeiro Xoán Castaño que en apenas dous anos logrou enderezar o rumbo desta vila, sacando Catoira da decadencia, insuflando vento nas velas dun concello que o ten todo para ganar”, explicou na súa intervención.
Pontón destacou que a veciñanza elixiu un cambio de rumbo, “abrir un tempo novo en Catoira confiando no BNG, apostando por ter un alcalde e un equipo de goberno que traballa sen descanso para facer de Catoira un concello de referencia”, destacou, convencida de que o concello merece avanzar e progresar, merece dinamismo no económico, no social e no cultural, “e tanto Xan como o resto de compañeiros e compañeiras do goberno están demostrando que saben como facelo”.
Neste sentido, destacou que o goberno do Bloque colleu un concello ao borde da ruína e hoxe xa ten a situación financeira encarrilada; encontrou un concello no que nada se facía, que esmorecía, “e agora multiplícanse os proxectos para mellorar a vila e, sobre todo, para mellorar a vida das persoas: aí está a rehabilitación dos parques infantís; aí están as actuacións nas instalacións deportivas; aí están os plans de mobilidade con propostas para mellorar as conexións entre o centro e espazos emblemáticos da vila”, destacou a portavoz nacional.
En dous anos, o BNG xa demostrou do que é capaz, mesmo asumindo competencias que non lle corresponden, competencias que son responsabilidade do goberno da Xunta, pero o señor Rueda mira para outro lado e o único que ofrece e propaganda e mentiras.
“Servizos que son esenciais para a vida da xente, para as familias, como por exemplo a axuda no fogar; como a educación infantil dos nenos e nenas deste concello; competencias da Xunta que carga sobre as costas do concello, pese a que saben que teñen unha situación económica moi precaria, que é o mesmo que dicir que cargan sobre as costas dos veciños e das veciñas”, argumentou.
“Como é posible que o goberno de Rueda manteña colapsado un servizo como o SAF, castigando ás persoas maiores que teñen dereito a unha vellez digna nas súas casas? Hai miles de persoas esperando por este servizo, pero Rueda vota en contra no Parlamento á proposta do BNG de aumentar de 12 a 20 euros hora o financiamento do SAF”, denunciou, “non ten cartos para mellorar o SAF, pero gasta 7.000 euros en publicidade cada día”.
Pero non é o único servizo que o PP desatende en Catoira. Aí está tamén a escola infantil que se mantén grazas a aportación económica do concello, asumindo un sobreesforzo para darlle as familias un servizo que precisan. E aí están tamén as carencias no centro de saúde, tras dezaseis anos de recortes e privatizacións na sanidade pública por parte do goberno de Rueda, “e unha vergoña a situación na que o Partido Popular ten á sanidade pública, mesmo con listas de espera de até quince días en atención primaria, como ben sabedes en Catoira”, denunciou.
Fronte a ese Partido Popular “que lle di non á veciñanza, os gobernos municipais do BNG que traballan para construír vilas e cidades que melloran a vida da xente, colocando ás persoas no centro”, concluíu, para dar paso á intervención do alcalde que pechou un nutrido acto no que tamén participou a deputada da comarca, Montse Prado, así concelleiros e concelleiras.
No corazón de Arousa, Pontón aproveitou para instar a unha mobilización masiva na marcha de mañá domingo contras as macrocelulosas entre os concellos de Pontevedra e Marín. “Galiza quere industria, pero industria do século XXI, innovadora e de vangarda, respectuosa co medio ambiente, pero ALTRI é unha bomba ambiental que pon en risco o medio de vida de miles de familias na terra e no mar, é un atentado ecolóxico contra Galiza e desde o BNG imos facer todo o posible para que ese atentando non se leve a cabo, man a man coa cidadanía que quere un futuro para este País, que non pasa nin por envelenar os nosos montes, nin os nosos ríos e rías”, concluíu.