Pontón destaca os dous anos de goberno de Sanmartín cun proxecto sólido e valente que abriu un tempo novo en Santiago

Acto en Santiago de Compostela
“Desde o BNG traballamos por transformar, por resolver problemas reais e por un futuro mellor para a veciñanza”, reivindica a alcaldesa

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de celebración dos dous anos de goberno municipal do BNG en Santiago onde salientou o proxecto “sólido e valente” liderado pola alcaldesa Goretti Sanmartín, primeira muller que colleu o bastón de mando en Compostela, un proxecto que, subliñou, permitiu abrir un tempo novo en Compostela para deixar atrás a apatía e recuperar o orgullo de cidade.

Dous anos despois, indicou, o equipo que dirixe Sanmartín sementou con solvencia as trabes da Compostela do futuro e afianzou o deseño dunha cidade nova que aposta pola veciñanza e por reencontrarse a si mesma fronte á deriva anterior. “Xa non falo só como portavoz nacional, falo tamén como veciña, porque en Santiago percibimos que o BNG ten un proxecto sólido que quere que esta sexa unha cidade para vivir, para traballar, para facer comunidade, para gozar”, recalcou.  

Un proxecto, afondou, pensado para todas e todos os composteláns, desde as que viven na améndoa até os que residen na parroquia máis afastada do Obradoiro, o que significa vivenda, traballo, espazos de lecer, aposta cultural, instalacións deportivas, servizos públicos de calidade e iniciativas sociais, enumerou, que coiden das persoas.

“E aí é onde está a traballar o goberno de Goretti Sanmartín, en levar a cabo cambios estruturais que nos acheguen á cidade do mañá, máis sustentable, máis humana, para todos e todas”, explicou, para destacar a continuación algunhas das medidas adoptadas que, con este obxectivo, adoptou o executivo local.

Medidas como a regulación das vivendas de uso turístico, o rexistro de soares, a petición de declaración de zona tensionada e aquelas outras que apostan por un turismo sustentábel e que permitiron poñer en marcha a taxa turística, no que Compostela tamén foi pioneira en Galiza.

Aí está tamén a solidariedade, acollendo as persoas que foxen das guerras e da fame, engadiu, ou a aposta pola igualdade de xénero, por coidar o medio ambiente, por mellorar a mobilidade ou pola defensa dos sectores produtivos do concello, desde o comercio até a industria, pasando pola cultura, verdadeiro sector estratéxico e económico na cidade, enumerou.

Pontón destacou que o goberno liderado por Sanmartín “non só soluciona os problemas de hoxe, senón que planifica para o que virá”. “Para o futuro que viviremos nós, mais que tamén deixaremos en herdanza ás xeracións que nos continúen”, sintetizou.

A líder nacionalista atribuíu ao pulo que desenvolve o goberno do BNG en Santiago o nerviosismo dun “Partido Popular que leva dous anos facendo unha oposición cutre, tentando traer aquí a lameira política madrileña e poñendo paus nas rodas ao avance da cidade”.

Acto en Santiago de Compostela

Un PP que ten un problema coa democracia porque só aceptan os resultados cando gobernan eles, reprobou. “E é mellor que non o fagan -engadiu-; en Santiago xa gobernou o Partido Popular non hai tanto tempo e foron letais para a cidade”, alegou para lembrar os tres alcaldes populares en catro anos que trouxeron como consecuencia “o peor goberno que nunca tivo Compostela”.

“Por sorte, hoxe Santiago ten un goberno do BNG con ideas claras e cunha cualidade que comeza a escasear en política, a capacidade de negociar e acordar”, confrontou Pontón, quen afirmou non coñecer a ningunha persoa coa capacidade de diálogo de Goretti Sanmartín. “Sempre busca puntos de encontro co tecido social e cos grupos políticos, para camiñar de mans dadas, para sumar forzas co obxectivo de avanzar colectivamente”, concluíu.

Pola súa parte, Sanmartín fixo un repaso polas principais iniciativas do seu equipo de goberno nestes dous anos, a comezar polas políticas de vivenda, cunha firme aposta pola rehabilitación -e citou como exemplo, as vivendas da Caramoniña-, o rexistro de soares e a poxa de vivendas en ruínas e o desbloqueo do planeamento da Parcela Peleteiro, que inclúe un mínimo dun 45% de vivenda protexida no centro da cidade.

Tamén situou nun lugar destacado o cambio de modelo turístico, cuxo logro máis coñecido é a consecución dunha Lei que regula a aplicación da denominada “taxa turística” para todo o País, grazas a un traballo constante e continuado desde o Goberno compostelán.

“Desde o BNG traballamos por transformar, por resolver problemas reais e por un futuro mellor para a veciñanza” asegurou a alcaldesa, e nesa liña citou o incremento orzamentario para obras de abastecemento para o rural e  para o SAF, a renovación de infraestruturas deportivas, como o pavillón de Vite, ou o veto a novos comercios de souvenirs para protexer o comercio de proximidade.

“En 2025 xa ninguén discute que Compostela ten que ter unha dotación maior pola Capitalidade, porque despois de anos de inmobilismo, o mínimo incremento que nos deu a Xunta significou recoñecer que Santiago estaba e está discriminado e que hai que seguir demandando para que nos traten como merecemos”, alegou, para citar a continuación proxectos e iniciativas que se materializarán nos vindeiros anos, como o novo contrato do transporte, cun servizo máis ambicioso en canto a liñas e frecuencias e con transporte nocturno e liñas alimentadoras para o rural.

En pleno mes do orgullo, Sanmartín reivindicou o respecto polas “diferentes formas de ser e de amar” e tamén da loita contra as discriminacións, dado que Santiago é “un concello amigábel, que quer ser símbolo e vangarda de espazo seguro para todo o mundo”, tal e como demostra o feito de que, por primeira vez na historia, ten un servizo de asesoramento LGBT.   

“Ese mesmo orgullo é o que sinto por estar á fronte da Alcaldía de Compostela estes últimos dous anos, os primeiros en que o BNG consegue, cunha muller á fronte, o goberno da capital de Galiza”, engadiu. “Podía ser eu, podía ser outra, mais tiña que ser unha muller pola decidida práctica feminista do BNG, esa que tamén nos fai denunciar os feminicidios e as agresións sexuais e sinalar que non descansaremos até rematar coa violencia machista”, concluíu.