Pontón denuncia que o SERGAS non está realizando os cribados de cancro de mama de 45 a 50 anos

Pide a Rueda que cumpra a súa promesa de hai 3 anos e non utilice a saúde das galegas para facer política “partidista cutre”

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou desde Lugo que a Xunta non está realizando os cribados de cancro de mama de 45 a 50 anos que prometera o presidente do Executivo, Alfonso Rueda, hai tres anos.

Así o advertiu logo da reunión que mantivo en Lugo coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo, e tras a que avanzou que o BNG emendará a Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2026 para propoñer unha moratoria real e indefinida que free a expansión do eucalipto, fronte á “moratoriafake” do Goberno do PP.

En declaracións aos medios, Pontón referiuse aos cribados de cancro de mama, un asunto que, subliñou, preocupa moito ao Bloque dado que se trata de algo tan importante como “a protección da saúde das mulleres”.

Neste sentido, dirixiu “dúas preguntas moi claras” a Rueda, a comezar por cuestionarlle “por que esconde os datos dos cribados de mama” en Galiza. “Que é o que ten que esconder o Partido Popular?”, reflexionou, para anunciar a continuación que o BNG pedirá que “se remita de inmediato” esta información ao Parlamento galego.

“E por que as mulleres de entre 45 e 50 anos non están sendo chamadas para facer ese cribado de mama, tal e como anunciou o señor Rueda hai tres anos?”, preguntou en segundo lugar.

A líder nacionalista recalcou a importancia de “algo tan importante como é a prevención do cancro de mama” e advertiu que con isto “nin se de facer propaganda que logo se cumpre, nin tampouco utilizala na estratexia partidista cutre que lle marca ao señor Rueda o Partido Popular de Madrid”.

“Quero dicirlle ao señor Rueda que así non, que coa saúde das galegas non se xoga”, concluíu.