Pontón denuncia que o Goberno de Rueda segue sen limpar as franxas de seguridade en parroquias con alto risco de lume

Festa do viño da Ribeira Sacra

Reivindica o modelo forestal e o rural vivo que defende o BNG fronte a un PP que quere facer de Galiza un gran eucaliptal e dos montes, un polvorín

Moratoria indefinida, un fondo plurianual de prevención para concellos e axudas ás explotacións en zonas de risco, entre as propostas do Bloque

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que a estas alturas do ano, e en plena vaga de calor, o Goberno do PP na Xunta aínda mantén sen limpar as franxas de seguridade contra o lume en moitas parroquias catalogadas de máximo risco de incendios. “É un perigo para o medio ambiente, para as persoas e para a economía”, alertou.

Durante a súa visita a Monforte, onde participou no Festival do Viño da Ribeira Sacra, Pontón acusou a Rueda de “non facer os deberes” e de demostrar, máis unha vez, que “a súa palabra non vale nada”, lembrándolle así o seu compromiso en sede parlamentaria de asumir a Xunta a limpeza das franxas de seguridade nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

“Estamos vendo como os lumes son cada ano máis virulentos e hai preocupación polo que pode pasar este verán”, asegurou a líder do BNG, advertindo que “lamentablemente temos un Goberno do PP que non aprendeu as leccións que nos deixaron as anteriores vagas de lume”. Un goberno do PP, engadiu, empeñado en manter un modelo fracasado que non funciona e empeñado en facer de Galiza un gran eucaliptal, convertendo o noso monte nun polvorín. 

É por iso que o BNG defende “un cambio de guión”, cun novo modelo forestal e un rural vivo, cun monte en mosaico e produtivo, precisou. A folla de ruta do Bloque pasa ademais por limpar e ordenar o monte aportando recursos, cun fondo plurianual de prevención para concellos e axudas ás explotacións agrogandeiras ubicadas en zonas de alto risco de incendio.

Tamén é necesario, expuso, mellorar as condicións laborais do dispositivo antiincendios porque “non pode ser que haxa persoal en precario que está traballando na loita contra os lumes”.  “Precisamos un dispositivo máis profesionalizado e máis preparado tamén para combater os lumes de nova xeración”, argumentou. 

Recalcou, neste sentido, que a prevención é esencial e lamentou que, malia iso, o PP deixou sen executar nos últimos seis anos 95 millóns de euros neste eido. Cartos que, segundo criticou, quedaron no caixón sen gastar incluso  despois deter vivido Galiza vagas de lumes dramáticas e mesmo con custe de vidas humanas. 

Aproveitando a súa visita á capital da Ribeira Sacra, Pontón subliñou o papel fundamental que ten precisamente o sector do viño para combater o abandono e a despoboamento, mantendo o rural vivo que quere o BNG como “a mellor maneira de loitar contra os incendios”. “O sector do viño é esencial pola súa capacidade de crear riqueza e emprego, de xerar valor engadido, de vender a marca Galiza dentro e fora a través dos nosos caldos de calidade”, asegurou tamén Pontón. 

Denunciou, neste punto, a falta de planificación e a falta de apoio ás adegas e aos produtores e produtoras por parte do PP na Xunta, unha situación que o BNG quere cambiar con medidas a curto e medio prazos. 

A folla de ruta do Bloque neste eido pasa, entre outras cuestións, por elaborar unha lei do viño de Galiza para aproveitar o potencial do sector, recuperar as mesas do viño profesionalizadas e con competencias como vía de diálogo coa administración ou establecer contratos homologados entre os profesionais da produción e da transformación para garantir prezos xustos.