Ana Pontón defende un modelo eólico con participación pública que sexa xusto para Galiza no económico, social e ambiental

Encontro eólico Pontevedra
Encontro eólico Pontevedra

“Imos dar a batalla ante o boom eólico especulativo que auspicia o PP, porque o que vemos é o espolio de toda a vida pero coa etiqueta de verde”

Propostas: participación pública, vincular os novos parques a proxectos industriais e fixar que unha parte dos compoñentes se fabriquen aquí

Anima a participar na manifestación convocada con motivo do Día mundial do medio ambiente: “Hai que rachar o abrazo co lobby eléctrico”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Pontevedra nun encontro con colectivos, plataformas e entidades que, por todo o País, están loitando para mudar o boom eólico depredador que promove o PP por un modelo no que o desenvolvemento da enerxía eólica se deseñe con criterios de xustiza económica, social e ambiental e desde o respecto ó medio rural.

“O BNG, en consonancia cun movemento social moi importante de norte a sur do País, dicimos si á enerxía eólica pero cun modelo respectuoso co rural e coa xente que vive no rural, un modelo que coloque a enerxía ó servizo do País”, salientou a líder nacionalista, tendo en conta que a día de hoxe só o 5% dos beneficios que xera a produción de electricidade queda en Galiza, “mentres emigra o 95%, unha barbaridade”, sentenciou.

Para conseguilo, o Bloque defende unha estratexia alternativa para que a riqueza eólica xere riqueza e emprego no País, “para que actúe como factor de desenvolvemento económico de Galiza”, explicou, estratexia que pasa pola participación pública nos futuros parques eólicos, tanto da administración autonómica como da local, e tamén abrindo a posibilidade de implantar parques non só por parte do lobby eléctrico senón tamén a proxectos comunitarios e de autoconsumo enerxético.

Igualmente, o BNG defende que os novos parques se vinculen á posta en marcha de proxectos industriais, reclamando que unha parte dos compoñentes se fabriquen en Galiza facilitando unha industria arredor da enerxía eólica e apostando pola innovación. “En definitiva, un modelo xusto no económico, no social e no ambiental”, sintetizou Pontón, considerando que se está a tempo de “reverter o modelo”, pois é agora que se están analizando pola Xunta e polo Estado centos de proxectos de parques eólicos presentados polas empresas do sector, a maioría, grandes multinacionais enerxéticas.

Pontón insistiu en que o BNG “vai dar a batalla” para frear o boom eólico depredador e especulativo a favor dun modelo que entenda que o vento é dos galegos e das galegas e, por tanto, debe ter Galiza como principal beneficiaria, “é unha cuestión de país”, indicou, tras destacar que non se pode quedar de brazos cruzados “cando estamos vendo o espolio de toda a vida dos nosos recursos naturais ó que se lle pon a etiqueta de verde, isto é o que está facendo o PP, unha auténtica aberración, xusto nun momento no que vemos que a enerxía é un reto de futuro, -está detrás da escalada de prezos-, e o Partido Popular en vez de pensar en Galiza, pensa nas portas xiratorias das eléctricas”.

Pontón aproveitou a xuntanza para convidar a participar na manifestación convocada este domingo en Santiago con motivo do Día mundial do medio ambiente, no que as plataformas e entidades, -máis de 200-, chaman a mobilizarse n contra este boom eólico depredador.

“Pedímosllo ó PP que escoite o que lle están dicindo ao longo e ancho do País, e definamos un modelo no que a riqueza eólica se poña ó servizo da maioría social. En definitiva, o queremos no BNG é romper o abrazo do PP coas eléctricas, que mostrou con claridade a aperta entre o presidente de Iberdrola e o presidente popular”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG