Pontón cualifica de “fraude á sociedade ” que a Xunta compense ás adxudicatarias das autovías

Ana Pontón: “É escandaloso que a Xunta salve á Banca e as empresas con cartos públicos e non aos desempregad@s e desafiuzad@s”

A través dunha pregunta parlamentaria, na comisión de Ordenación do Territorio, sobre o pacto económico da Xunta coas empresas adxudicatarias das autovías ante unha posible quebra, a deputada do BNG, Ana Pontón cualificou de “fraude á cidadanía” a intención da Xunta de Galiza de compensar economicamente ás empresas e criticou que “existan fondos públicos” para rescatar as autovías e á Banca e non para as persoas desempregadas e desafiuzadas.

En resposta ao BNG, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez asegurou que a Xunta está a estudar a maneira menos gravosa de compensar ás adxudicatarias das autovías do Barbanza e Salnés ante a diminución de tráficos e por atoparse a piques do inicio do “concurso de acredores”.

As empresas nas que traballou o conselleiro de Infraestruturas

A nacionalista afirmou que “non cre nas casualidades” e menos cando as empresas beneficiadas polo Partido popular aparecen citadas na trama Gürtel ou como “Puentes y Calzadas” que deron traballo ao propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Ana Pontón reiterou que as concesionarias da administración “son as únicas empresas que teñen garantidos os beneficios” dos que tamén, na súa opinión, se aproveitan certos dirixentes políticos a través das “portas xiratorias” para acceder ás grandes compañías.

Informes falsificados e corruptelas para gañar os concursos

Tras a afirmacións de Ethel Vázquez sobre a previsión de que a corto prazo as concesionarias “entren en concursos de acredores”, a parlamentaria reclamou paralizar a axuda económica da Xunta e botou man do informe do Consello de Contas que alude ao risco que “debe asumir a concesionaria ante o mal comportamento do tráfico sen dereito a reclamar á administración”.

Neste sentido, a deputada insistiu en que as previsión do tráfico nos contratos “poden estar falsificadas” para acceder ás contratacións e acusou ao PP de practicar “corruptelas” neste extremo.