Pontón chama á participación masiva na manifestación en apoio do pobo palestino: “Hai que parar o xenocidio”
“É unha obriga ética e moral, o que está en xogo é a supervivencia das palestinas e dos palestinos, pero tamén o triunfo da humanidade fronte á barbarie”, alega
Urxe a Rueda a rectificar, abandonar o seu negacionismo e colocarse no lado correcto da historia, por decencia e por estar á altura das galegas e dos galegos
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á participación masiva convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina este domingo, día 5, en Santiago para denunciar o xenocidio do Estado criminal de Israel sobre o pobo palestino.
“Temos que seguir alzando a voz e mobilizarnos para encher as rúas, é o noso deber, é unha obriga ética e moral porque non se pode mirar para outro lado cando se trata dun xenocidio”, alegou logo do encontro que mantivo cunha delegación da Coordenadora, no que tamén participou a responsable parlamentaria de Relacións Exteriores, Iria Taibo.
Pontón advertiu que o que está en xogo neste momento “é a supervivencia do pobo palestino”, pero tamén “o triunfo da humanidade fronte á barbarie”. “Se deixamos que se extermine a todo un pobo diante dos nosos ollos canto temos o poder para evitalo, estaremos permitindo que a sen razón prevaleza sobre todo aquelo que nos fai humanos”, incidiu.
Por iso, reiterou o chamamento do BNG a toda a cidadanía para que este domingo participe “masivamente” na manifestación convocada en defensa do pobo palestino. “Unha manifestación para que, desde Galiza, digamos alto e claro que hai que parar o xenocidio que está cometendo o Estado criminal de Israel ante un pobo indefenso, que está sendo literalmente masacrado e ao que están matando con bombas, pero tamén con esa política da fame que é terrorífica”, denunciou.
A líder nacionalista recalcou que “é o momento” de tomar as rúas para “falar en nome de todos aqueles e aquelas aos que se lles rouba a voz”, para falar en nome de todas as persoas asasinadas que, segundo a relatora da ONU, poderían chegar xa ás 700.000, das que 300.000 son nenos e nenas.
Neste sentido, e fronte á dignidade da sociedade galega e de todo o mundo que se está mobilizando contra o xenocidio, criticou a “covardía” dos gobernos e dunha Unión Europea que “non se atreve a ir máis alá de meras declaracións”, declaracións “moi mornas” cando o que se está producindo “o asasinato sistémico de todo un pobo”.
“Polo tanto, é urxente condenar o xenocidio, polo que enchamos todos e todas este domingo as rúas en Santiago nun clamor unánime contra o xenocidio e a favor da liberdade do pobo palestino, que ten dereito a vivir na súa terra e en liberdade”, apelou.
A portavoz nacional trasladou tamén “todo o apoio e solidariedade” do BNG á flotilla a Gaza e expresou a súa condena á “violenta e ilegal actuación do Estado criminal de Israel” que detivo a que é unha misión de axuda humanitaria.
“Pedimos que estes activistas pola paz sexan postos en liberdade de inmediato e que sexan tratados coas máximas garantías”, reclamou, ante a acción do Goberno de Netanyahu que “supón unha nova violación da legalidade e do dereito internacional” ante o que non se pode permanecer nin calados, nin ausente, máis tendo en conta que entre as persoas detidas hai dúas galegas, a avogada Sandra Garrido e o patrón de pesca Manuel López.
Por iso, recordou que o BNG xa solicitou a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para impulsar unha declaración institucional no Parlamento galego para que este se posicione. “Non pode ser que permaneza ausente”, incidiu, logo de criticar que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, queira impedir “que a máxima institución galega poida condenar este xenocidio”.
Pontón enumerou os puntos recollidos na proposta de declaración institucional presentada polo Bloque e que pasan por rexeitar a abordaxe ilegal da flotilla a Gaza; demandar a intervención do Goberno central e da Xunta para garantir a liberación inmediata das persoas que integraban esta misión de axuda que pretendía abrir un corredor humanitario; e condenar o xenocidio que se está producindo en Palestina porque, recalcou, non se pode permitir que “a barbarie triunfe sobre a humanidade”.
“Pídolle ao señor Rueda que rectifique, que abandone o negacionismo e que se poña do lado correcto da historia”, reclamou ao titular do Executivo, ao que recordou que o que se está defendendo é “a humanidade, a xustiza e o dereito internacional”, algo tan básico ao que debería sumarse por decencia e por estar á altura do que “hoxe representa a maioría do pobo galego”.
“O que non tenden os galegos e as galegas é como o Partido Popular e o presidente da Xunta en sede parlamentaria votan en contra de condenar ese xenocidio”, incidiu para pedirlle a Rueda que permita que a Cámara, “a máxima institución do País”, condene o xenocidio que se está producindo en Gaza.
A líder nacionalista remarcou que “Palestina é un símbolo” e que se non se frea o xenocidio, a humanidade estará “baixando os brazos ante a impunidade e ante a barbarie”.
“Desde o BNG imos facer todo o posible para que isto non pase e estou convencida de que este é o empeño da inmensa maioría do pobo galego”, concluíu para mostrar o seu convencemento de que os galegos e as galegas volverán dar “un exemplo de solidariedade” cunha participación masiva na manifestación do domingo para denunciar o xenocidio e reclamar que se tomen medidas para garantir que o pobo palestino poida “seguir vivindo con dignidade e en liberdade na súa terra”.