Pontón chama á mobilización masiva en defensa da sanidade pública e contra os recortes e privatizacións do PP de Rueda
Como non van colapsar as urxencias e como non vai haber lista de espera na Atención Primaria se reduciron o orzamento en 1.650 M€?, pregúntase
Durante unha visita a A Rúa, acusa ao Goberno da Xunta de ter Valdeorras “no abandono máis absoluto” tras sufrir os peores incendios da historia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo unha chamada a participar masivamente na manifestación que terá lugar mañá domingo en Santiago para defender a sanidade pública e para esixirlle ao Goberno de Rueda que rectifique as súas políticas de “recortes e privatizacións” que está detrás do deterioro do sistema público. “O que está en xogo é a saúde dos galegos e das galegas”, advertiu.
“Temos que reverter esta situación de recortes e privatizacións”, asegurou, e é por iso que, explicou, o BNG sairá de novo ás rúas para secundar “unha desas mobilizacións que tanto lle molestan ao señor Rueda” que, na vez de poñerse de lado da xente que sofre o colapso das urxencias ou as listas de espera cada vez máis longas na Atención Primaria, “prefire poñerse detrás da pancarta da extrema dereita”.
Durante unha visita a A Rúa, onde participou na XVII Festa do Codillo, Pontón referiuse precisamente a Valdeorras como exemplo do desmantelamento da sanidade pública que o PP leva facendo nos seus 17 anos de goberno. “Hai nenos e nenas sen pediatras, centros de saúde nos que hai listas de espera e un hospital que converteron en pouco máis que un centro de especialidades”, denunciou sobre a situación da sanidade pública nesta comarca.
Unha situación que se dá en todo o País e que obedece, reprobou, a unha “estratexia deliberada de recortar na sanidade pública a favor da sanidade privada”. “Non é só incompetencia do PP, é ideoloxía”, advertiu tras denunciar o recorte de 1.650 millóns de euros que practicou o PP no sistema público nestes últimos anos mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano a “cifra récord” de 341 M€.
Como non van estar as urxencias colapsadas, como non vai estar a Atención Primaria ao límite ou como non vai haber listas de espera para ver ao médico ou médica de cabeceira se recortas 1.650 M€?, preguntouse.
Acompañada da alcaldesa da Rúa, María Albert, a líder do BNG denunciou tamén o “abandono máis absoluto” no que o Goberno do PP ten á comarca de Valdeorras tras sufrir este verán “os incendios máis grandes da historia”. Seis meses despois —engadiu— “a situación segue a ser desoladora” porque, cunha paisaxe tinguida de negro, “non están facendo nada para a recuperación do monte, do terreo calcinado”.
En pleno inverno, soportando as intensas choivas que arrastran as cinzas da terra queimada e continúan contaminando, “o Goberno de Rueda segue de brazos cruzados e ten a esta comarca no abandono máis absoluto”, criticou, sinalando este como outro dos exemplos de “como defende o PP o rural”.
Un PP ao que tamén criticou polo seu apoio ao acordo de Mercosur, moi prexudicial para os sector agrogandeiro galego. “No BNG non imos aceptar, como fai o PP, que se poña en perigo o futuro dos nosos gandeiros e gandeiras e das súas explotacións por un acordo que os coloca nunha situación de indefensión e de competencia desleal”, salientou.
Fronte á xestión do PP, Pontón contrapuxo o modelo de goberno do BNG na Rúa onde, da man de María Albert, trabállase “a favor da veciñanza, para mellorar a vida das persoas coa protección social e a mellora dos servizos públicos como prioridade”. Destacou, neste sentido, os programas para facilitar a conciliación familiar e as melloras nas infraestruturas e equipamentos neste eido, así como a xestión da auga que está a facer o goberno nacionalista para garantir o abastecemento e a depuración a través coa construción dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable).
“Parabéns a alcaldesa e a todo o seu equipo, que están demostrando que o BNG ten un modelo de goberno municipal de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, que para iso debe servir a política para dar solucións aos problemas reais da xente”, manifestou durante a súa visita á Festa do Codillo.