Pontón acusa a Rueda de ter responsabilidades no que pasou en Monforte por trasladar a Galiza o discurso “racista e de odio” de Ayuso
Pídelle explicacións por alentar a insolidariedade, boicotear o programa de acollida e situar a estes nenos e nenas en guetos cuxa localización, por riba, publicita
“Debe rectificar de inmediato a súa estratexia de confrontación e crispación e darlle aos menores a protección integral á que teñen dereito”, reclama
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de “ter responsabilidades no que pasou esta fin de semana en Monforte”, onde o futuro centro de acollida de menores migrantes da Xunta foi atacado con cócteles molotov, ao trasladar a Galiza o “discurso da crispación, racista e de odio que practican a señora Ayuso e a extrema dereita”.
Pontón exixiu explicacións a Rueda pola súa posición en relación cos menores migrantes que cualificou de “total irresponsabilidade desde o primeiro minuto”, non só por utilizar a estes menores como “un elemento de confrontación e de crispación co Goberno central”, senón ademais por utilizar “un discurso insolidario e mesmo racista”.
“Rueda está trasladando a Galiza o discurso da crispación, o discurso racista e de odio que practican a señora Ayuso e a extrema dereita e iso, evidentemente, ten consecuencias”, denunciou en rolda de prensa, logo do encontro que mantivo cunha representación das traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio, no que tamén participou a responsable parlamentaria de Política Social, Olalla Rodil.
A líder nacionalista repasou a actuación do titular do Executivo nos últimos meses en relación aos menores migrantes, a comezar por “usar a nenos e nenas que están nunha situación de extrema vulnerabilidade” como un e”lemento de crispación e de confrontación co Goberno do Estado”, demostrando unha vez máis o seu “seguidismo” do “guión que lle manda o Partido Popular desde Madrid”.
En segundo lugar, proseguiu, “alentou un discurso de insolidariedade, racismo e de odio” contra os menores estranxeiros non acompañados, “boicoteou o programa de acollida” destes nenos e nenas e “anunciou que vai colocar aos menores migrantes en localizacións especiais”. “Se falamos claro, isto significa en guetos”, advertiu, para recordar a continuación que é o propio Goberno do PP o que di expresamente que estes menores “non van a estar no sistema integral de protección á infancia de Galiza”.
Por último, no que cualificou “o colmo do despropósito e a irresponsabilidade”, o Executivo de Rueda “anunciou e publicitou” cal era o emprazamento do centro de Monforte “obviando por completo a confidencialidade e a protección” que debe dar aos menores, recalcou. Neste sentido, considerou preciso protexer e non publicitar datos coma este en relación a “menores que están nunha situación de vulnerabilidade” e aos que “algúns extremistas queren poñer en risco”, tal e como o BNG leva moito tempo pedindo no caso das casas de acollida para mulleres vítimas de violencia machista.
Polo tanto, tras repasar a actuación de Rueda en relación aos menores migrantes, Pontón concluíu que o seu goberno “ten responsabilidades na situación que pasou esta fin de semana en Monforte” e “debe rectificar de inmediato a súa estratexia de confrontación e de crispación”. “Rectificar de inmediato este discurso que ten no fondo un tufo racista, de odio e insolidario contra os menores migrantes”, afondou.
A portavoz nacional reclamou ao Goberno do PP que facilite a estes nenos e nenas “a protección integral á que teñen dereito” porque se trata de “dereitos humanos básicos” e lle ofreza unha “acollida sen discriminación, sen guetos e coa solidariedade que merecen”.
“Estou segura de que isto é o que quere a inmensa maioría da sociedade galega, porque nós tamén somos un pobo emigrante que sabe o que é ter que coller as maletas e creo que todos e todas nos podemos poñer na pel deses nenos e nenas que están aquí, sós, sen as súas familias, nun país que non é o seu e nunha situación na que, na actualidade, non se están garantindo os seus dereitos humanos”, concluíu.