Parlamento Galego

Pontón acusa a Rueda de falsear as listas de espera para ocultar a miles de persoas que agardan para ser atendidas

“As mulleres de Ourense teñen que parir nun hospital que se cae a cachos; esa é a súa foto: acoso e derrubo da sanidade pública”, denuncia

Critica ao Goberno do PP o recorte de 2.000 M€ na Atención Primaria e que aumente o traspaso de fondos públicos á privada, un 18% máis só en 2023

 A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de falsear e manipular as listas de espera oficiais da sanidade pública para ocultar a miles de persoas que agardan para ser atendidas e que a Xunta traspasa a unha “lista negra e opaca” para agochar a súa nefasta política sanitaria.

“Os galegos e as galegas teñen que saber que hai miles de persoas que non figuran nas súas listas de espera oficiais porque están manipuladas e falsificadas polo Goberno do Partido Popular”, denunciou Pontón nunha sesión de control na que enumerou os distintos casos nos que o Executivo do PP exclúe das listas oficiais a doentes que continúan esperando pola atención sanitaria que precisan.

A comezar, polas miles de persoas que cando van a pedir cita reciben como única resposta que as axendas están pechadas e que “xa as chamarán”. Pero tamén aquelas outras que, cando reciben unha primeira consulta, quedan fóra aínda que seguen esperando por outras citas en especialistas e a poder ter un diagnóstico. Ou tamén, as que rexeitan ser atendidas na sanidade privada e pasan a “unha lista negra” da que nada se sabe.

Por iso, a líder nacionalista subliñou que os 358.000 galegos e galegas que si figuran na listas de espera oficiais son “só a punta do iceberg”, dado que hai miles de persoas que “non computan” nunha lista de espera do Sergas que “está manipulada e falsificada”. “Non estamos falando de números, estamos falando de persoas angustiadas que agardan unha atención que non teñen”, advertiu.

Pontón criticou que, mentres isto acontece, o Goberno do PP incremente un 18% o traspaso de fondos públicos á sanidade privada, 242 millóns de euros só en 2023, tal e como denuncia o Consello de Contas. “Só con 10 deses millóns poderiamos contratar a todo o persoal de psicoloxía clínica que necesita a nosa atención sanitaria”, exemplificou.

Neste sentido, reprochou a Rueda a carencia de recursos para psicólogos e psicólogas, “pero si para os 470 millóns de euros que van ás construtoras amigas do Partido Popular polo sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, mentres “se derruba o teito do Hospital Materno de Ourense”.

“As mulleres de Ourense teñen que parir nun hospital que se cae a cachos, señor Rueda, é a foto perfecta que retrata a súa política sanitaria: acoso e derrubo á sanidade pública deste País”, sintetizou.

O esperable, afondou, dun Executivo do PP que leva 16 anos “de recortes e privatizacións na sanidade pública mentres aumenta o gasto na sanidade privada” e que pensa que “a saúde é un negocio”, tal e como evidenciou o conselleiro de Sanidade recentemente ao afirmar que definir a saúde como o máximo benestar físico, psíquico e social “é un disparate” ou que unha persoa que non le moito “para que a van operar de cataratas”.

“Isto é o que pensa o Partido Popular en materia de sanidade e así nos vai”, reprochou a un Rueda ao que retou a desmentir os datos que puxo sobre a mesa durante o debate parlamentario sen obter resposta algunha. “É que negan a súa propia realidade dos Orzamentos, é que se creen os seus propios bulos”, afeou ao titular da Xunta, a quen tamén recordou que o Consello de Contas denuncia un recorte de 770 millóns nunha Atención Primaria “en pleno colapso” no exercicio de 2023.

Neste contexto, pediulle que abandone a súa política de acoso e derrubo á sanidade pública “única e exclusivamente para beneficiar a sanidade privada a costa da saúde dos galegos e das galegas” e animouno a comezar a “dicirlle si á sanidade pública”. Como? Con transparencia nas listas de espera, coas contratacións que precisa o sistema sanitario público para non ter que derivar á privada, rematando coa precariedade dun Sergas que converteu “nunha ETT”, con categorías profesionais que teñen case un 50% de temporalidade como é a de enfermería, e cun plan de rescate para a Atención Primaria como propón o BNG.

Unha Atención Primaria na que Galiza está á cola de investimento, curiosamente, só atrás de Madrid. “Parece que están competindo a ver quen deteriora máis o noso sistema sanitario”, censurou Pontón, quen reclamou ao presidente do Executivo que deixe de xogar coa saúde dos galegos e as galegas porque “non é un negocio”.

“Menos memes e máis sanidade pública”, reiterou a un Rueda que eludiu responder a ningunha das cuestións formuladas e se limitou unha sesión de control máis a “facer oposición ao BNG” sen máis argumento que “o bulo e a mentira”, preparando como é habitual, un meme para colgar despois nun vídeo en Internet. “Teña coidado cos memes porque de tanto repetilos pode acabar convertido nun”, advertiulle.

Co ritmo de novas competencias do PP, 300 anos para cumprir o Estatuto

Neste sentido, Pontón afeoulle que, nun debate centrado na sanidade, un dos problemas fundamentais para a cidadanía, Rueda replicara presumindo da sinatura hoxe do traspaso do litoral, a única competencia acadada polo Goberno do PP en 16 anos.

“Para vostede é un feito histórico unha competencia en 16 anos, que quere, que o saquemos a volandas do Parlamento?”, ironizou para advertir a continuación que, a este ritmo, Galiza tardaría “300 anos en cumprir o actual Estatuto”.

A líder nacionalista replicou a Rueda que o que si é triste é “ver ao PP votando en contra de dar cumprimento ao Estatuto”, tal e como fixo, exemplificou, opoñéndose a pedir que se desenvolva a Policía galega como propuxo o Bloque. “Iso si que é histórico, a súa submisión ao centralismo”, concluíu.