Parlamento Galego

Oscar Insua resalta a eficacia das súas iniciativas no Parlamento: "Cando pregunto, a Xunta pon a máquina a funcionar"

Óscar Insua
O deputado nacionalista congratúlase do seu papel como motor de accións do Goberno e reclama datas e orzamentos reais para o porto mixto de Corcubión

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, destacou durante a súa intervención na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento a "eficacia" das súas iniciativas e preguntas, ao constatar que actúan como detonante para que o Goberno autonómico "poña a máquina a funcionar".

"Á vista de todos queda a eficacia das miñas iniciativas e das miñas preguntas", afirmou Insua con ironía. "Cada vez que traio a este Parlamento unha pregunta ou unha iniciativa, automaticamente o goberno actúa". O deputado puxo como exemplo que a aprobación do proxecto do porto mixto de Corcubión se produciu xusto cando el presentou a súa iniciativa sobre o tema.

A pesar de celebrar que o trámite xa está en información pública, Insua cuestionou a dilación temporal, recordando que o Goberno levou "un ano e medio" cando existen "proxectos máis complicados" elaborados en "tempo récord". O nacionalista centrou as súas críticas no escaso orzamento adicado ao proxecto, só 20.000 euros para 2026, sumando un total de 75.000 euros en tres anos. Unha cantidade que considerou irrisoria para unha infraestrutura de tal calado.

O deputado do BNG finalizou a súa intervención exixindo "unha data real" para que Corcubión poida contar finalmente co porto mixto e preguntando que medidas se tomarán de forma inmediata para protexer as embarcacións amarradas, arrincando un compromiso ao presidente de Portos de Galiza que se comprometeu a tomar medidas para protexer as embarcacións amarradas "ás pedras" durante o inverno en todos os portos do país.