Ana Pontón

Os orzamentos demostran que as forzas estatais son inútiles para defender os intereses de Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Cando o BNG condicionou as contas xerais os investimentos acadaron  a cifra de 2.000 millóns de euros territorializados

Iniciativa: Rexeitar os orzamentos no Parlamento e consensuar unha proposta de investimentos mínimos para Galiza

“Intolerables, tomadura de pelo e unha nova discriminación para este país”. Así cualifica o BNG os orzamentos do Estado para Galiza que soporta o maior recorte en investimentos cunha caída do 19%, -750millóns de euros-, mentres outros territorios reciben un incremento substancial. Empezando por Andalucía, a que máis recibe en termos absolutos con 2.132 millóns de euros e unha subida do 43,5%, Catalunya, 2.051 millóns de euros (51,8%), Valencia, 1.189millóns de euros (9,8%) ou Castela-León, 1.094 millóns de euros (9%) por citar algúns exemplos.

“O escarnio con Galiza é grande porque se trata dunhas contas expansivas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, moi crítica co papel das forzas políticas estatais: “Estes orzamentos demostran, unha vez máis, que as forzas estatais son inútiles á hora de defender os intereses de Galiza e proban a irrelevancia política á que conducen este país”.

Neste sentido, Pontón lembrou a “complicidade” de Feixóo durante unha década de recortes en Galiza do Executivo de Raxoi, -“porque cando o PP recortaba investimentos era xusto e agora que Goberna o PSOE é un agravio”-, un PSOE “que en 2018 dicía que 900millóns de euros eran nefastos e antisociais pero agora di que 750millóns de euros son unha cifra realista”.

E critica tamén a posición de En Marea e Podemos “que se fan os escandalizados cando estes orzamentos saíron dun pacto entre estas forzas co Goberno de Sánchez, que pasa que cando tocaba falar dos investimentos de Galiza saíron da sala?”, ironizou.

Por contra, a dirixente do Bloque salientou que, durante a lexislatura na que o BNG condicionou os orzamentos do Estado, “en Galiza os investimentos territorializados chegaron a superar os 2.000 millóns de euros fronte aos 750 millóns de euros actuais, a menor cifra en  dezasete anos. É o mellor retrato de para que vale o nacionalismo mentres as forzas políticas estatais se converten en inútiles para defender este país”.

Pontón considera indignante que a discriminación se pretenda xustificar alegando a conclusión do AVE. “En Andalucía o AVE leva máis de 25 anos finalizado é o investimento do Estado en 2019 medra un 43,5%”, replica a dirixente nacionalista quen avanza que o BNG non vai resignarse ante uns orzamentos “que paraliza as autovías, a modernización do tren, o rescate da AP9, o rescate de ALCOA, o saneamento das rías ou os 180 millóns de euros de débeda en Dependencia”.

“Defender todas estas cuestións é a política social máis avanzada que podemos facer en Galiza”, explicou Pontón, ante o “cinismo” das forzas estatais á hora de xustificar este novo maltrato a Galiza.

A pelota está no Congreso

“Cinismo dun Feixóo que demostra ser un cero á esquerda e dun PP que antes era cómplice a agora fala de agravio, dun PSOE que clamaba contra os recortes e agora fala de realismo e cinismo dun Podemos e En Marea que pactan estes orzamentos e logo queren poñerse de perfil como senón tiveran nada que ver con eles”, denunciou.

Pontón pide “facer os deberes” polo que presentará unha proposición non de lei para que o Parlamento se pronuncie en contra dos orzamentos do Estado e para formular  unha proposta de investimentos mínimos. “Levamos moito tempo reclamando unha axenda galega para defender en Madrid”, recalcou.

Pero tamén avisa que “a pelota está no Congreso” é pide aos deputados e deputadas galegas “que defendan Galiza e non intereses partidistas”. E vista a alternancia no agravio de PP e PSOE cando se sentan na Moncloa, reclama a En Marea  e Podemos que se os orzamentos lles parecen tan malos no social e no relativo a Galiza “que presenten unha emenda de devolución e negocien de verdade unha axenda galega”.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG