Olalla Rodil visitou viñedos afectados polas xeadas e reuniuse con viticultores na Ribeira Sacra
- O BNG reclama a declaración de zona catastrófica e que se artellen axudas directas ao sector para paliar as perdas desta tempada
- “As axudas teñen que ser para o sector, non entendemos que o PP incremente o negocio de banqueiros e aseguradoras coa desgraza de viticultores e adegueiros” dixo Rodil
A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou un dos viñedos afectados polas xeadas na ribeira do Cabe e mantivo unha xuntanza con persoas afectadas no local social de Espasantes. Rodil estivo acomapañada na visita por ediles do BNG nos concellos da Ribeira Sacra e por cargos orgánicos e institucionais do BNG. Rodil foi crítica coas declaracións da conselleira de medio rural “pretenden derivar todas as posibles axudas cara préstamos bancarios e seguros e iso non é o que precisa o sector viti-vínicola nun caso coma este, dende o BNG-AA temos claro que son necesarias axudas directas para paliar os efectos económicos provocados polos danos da xeadas”.
Rodil explicou que “a afectación das xeadas tivo diferente incidencia dependendo das zonas, agora hai que traballar con celeridade para avaliar os danos e actuar naquelas áreas nas que é posible recuperar os cultivos”. A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ofreceu unhas serie de recomendacións aos viticultores para actuar no viñedo afectado polas xeadas da pasada semana e o dende o goberno galego deben establecerse os mecanismos de axuda para que no sector se poidan tomar medidas para tentar recuperar a produción. “Peor é o caso daquelas zonas nas que xa vai ser inviable recuperar as viñas e os viticultores perderán a produción deste ano” dixo Olalla Rodil que engadiu “nestes casos é nos que as axudas directas teñen que ser prioritarias”.