Olalla Rodil: “Normalizar o galego é que deixe de ser unha lingua estranxeira”
- A nacionalista pediu o apoio do grupo maioritario do Partido popular para derrogar o decreto 79/2010 e aplicar, “de maneira efectiva”, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral.
A deputada e portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, cumprir a Lei de Normalización Lingüística trala “expulsión da lingua galega das aulas”. Na defensa da proposta, a parlamentaria tamén reclamou “derrogar o decreto” polo cal non se poden impartir materias cientifico-tecnolóxicas en galego.
A través da Federación de Ensino da CIG e da Mesa pola Normalización Lingüística soubemos, explicou Rodil, das horas lectivas impartidas en galego e en castelán ao alumnado de secundaria logo da combinación explosiva do “cóctel molotov, do decretazo e a LOMCE”.
Menos do 15% das materias en lingua galega
A deputada asegurou que o Decreto 79/2010, aprobado co rexeitamento dos axentes sociais, asignaba 24 horas lectivas en lingua galega na ESO e coa aplicación da LOMCE esa “discriminación lingüística” nas aulas endurécese ao recibir o alumnado de secundaria 31 horas en español e apenas 18 horas en galego.
Esta realidade, engadiu a deputada, “contravén a Lei de Normalización Lingüística (1983) e o Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004), normas que emanaron desde o consenso que tanto pregoan vostedes pero que ben pouco practican”.
Diante da realidade sociolingüística que atinxe o país e que poñen en evidencia os datos máis recentes publicados polo IGE e que sitúa os niveis de uso do galego entre a mocidade en “mínimos históricos”, o que pedimos hoxe con esta iniciativa é que garantan, cando menos, a mesma presenza de horas lectivas en galego e en castelán nas aulas de secundaria, e por suposto nas idades máis temperás.
A parlamentaria do BNG volveu reclamar a derrogación do decreto 79/2010 porque a todas luces, recalcou, “nin vostedes mesmos o están a cumprir”. Apliquen de maneira efectiva a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral.
A escola é un dos principais axentes de socialización e o uso do galego como lingua vehicular no ensino é o primeiro chanzo para garantirmos o seu uso habitual entre a mocidade. Díxenllo ao conselleiro en Comisión: “Estamos enviando unha mensaxe moi clara ás xeracións máis novas, se na escola apenas se usa o galego, se na contorna familiar e de amizades non se emprega e nos medios de comunicación é residual, para que nos serve?
Se queren de verdade normalizar a lingua galega neste país e que deixe de ser unha lingua estranxeira para boa parte da nosa mocidade, “garantan a súa presenza nas aulas”.