Olalla Rodil: "Feixóo só acerta cando rectifica por iso o BNG lle pide que reverta 10 anos de recortes na sanidade pública”
O BNG propón plan de choque en atención primaria con 250 millóns de euros, recuperar as 800 camas pechadas e cubrir o déficit de pediatras en 78 concellos
Demanda acabar coa precariedade do persoal sanitario, con profesionais que asinan centos de contratos nun só ano
“Feixóo só acerta cando rectifica movido pola presión social e política, por iso pedímoslle que rectifique e reverta as consecuencias dunha década de recortes na sanidade pública seguindo o exemplo de Verín. Iso é o que lle pediremos no Parlamento na sesión de control, que rectifique para reverter as nefastas consecuencias da súa política en sanidade como lle exixen tamén profesionais e pacientes”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.
A deputada nacionalista avanzou as propostas que o Bloque considera máis urxentes a favor da sanidade pública, que levará ao vindeiro pleno.
En primeiro lugar, un plan de choque de 250 millóns de euros para a atención primaria, porta de entrada ao sistema de saúde que a día de hoxe, conta con menos recursos e arrastra un déficit 142 millóns de euros en relación á cifra anterior á chegada do Feixóo ao Goberno.
En segundo lugar, recuperar as 800 camas hospitalarias pechadas na última década, ao que se suma unha emenda a totalidade en materia de política laboral na sanidade pública, empezando por cubrir a falta de profesionais especialmente en pediatría, porque hai 78 concellos neste país que perderon o servizo de pediatría desde 2004.
“Ten que rectificar en materia laboral na sanidade pública, salientou Rodil, estamos fartas de ler casos das e dos profesionais do SERGAS que asinan contratos por horas e chegan a acumular centos nun só ano”.
A estas alturas, subliñou a viceportavoz parlamentaria, “non hai propaganda nin mordazas que tapen dez anos de Feixóo desmantelando a sanidade pública e por iso no próximo pleno desde o BNG faremos estas propostas e pedirémoslle que escoite o que o están a dicir nas rúas as galegas e os galegos. Que saia do seu encastelamento e rectifique”, concluíu.
Neste sentido, a formación nacionalista traslada o seu apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo 9 de febreiro en Santiago, a que insta a participar de xeito masivo.
Proxecto sólido coas portas abertas
A preguntas dos medios, en relación a cita das eleccións galegas, Rodil volveu insistir en que o Bloque “ten un proxecto político sólido, propio e cohesionado e, ademais, temos a mellor candidata á Presidencia e estamos preparados para liderar o cambio real que Galiza necesita e merece en 2020. A partir de aquí temos, como sempre dixemos, a man tendida e as portas abertas a calquera persoa que se queira sumar ao proxecto do BNG”.
Reiterou tamén a posición da formación nacionalista en relación aos 200 M€ que o Estado debe en concepto de IVE, dando por boa a decisión da Xunta de acudir á vía xudicial para reclamar un diñeiro “que é dos galegos e das galegas”. Aínda que deixando claro que esta medida non corrixe o problema de fondo, que está nun modelo de financiamento autonómico inxusto, discriminatorio e pendente de modificación desde 2014.
Rodil reiterou a proposta do concerto económico para darlle a Galiza “a chave dos cartos”, cunha facenda propia que xestione o 100% dos recursos e permita determinar desde aquí as prioridades.