Olalla Rodil: “Un ensino de calidade necesita menos alumnado e máis persoal docente por aula”

Olalla Rodil

“Para iso fan faltan cartos, ou dito en plurilingüe señor conselleiro: cash”, ironizou tras denunciar o drenaxe de 1.500M€ á privada-concertada

O BNG pide a derrogación da LOMCE e unha Lei galega de educación

A portavoz de Educación Olla Rodil aproveitou a comparecencia de balazo de curso do conselleiro para reclamar un ensino público de calidade cunha fórmula moi clara ara conseguilo: menos alumnado e máis persoal docente por aula e recursos económicos suficientes mudando o apoio que o PP presta ao ensino privado-concertado para enfocalo á educación pública.

“Un ensino de calidade precisa reducir as ratios de alumnado por aula e dotar aos centros de máis profesorado, un ensino máis inclusivo, capaz de combater o acoso, de prestar maior e mellor atención ao alumnado, -nomeadamente o que precisa de atención específica-, precisa reducir o número de estudantes por aula e aumentar o persoal docente”, argumentou Rodil.

Esta proposta require un mellor financiamento do ensino público, que ten soportado importantes recortes orzamentarios baixo o goberno do PP.

“Para iso fan falta medios económicos, ou por dicirllo en plurilingüe señor conselleiro: CASH”, ironizou a deputada, antes de criticar a “hipoteca” de 1.500 millóns de euros comprometidos pola Xunta para financiar aos centros de ensino privado-concertado, “mesmo os que segregan por sexo”.

O BNG pediu a derrogación da LOMCE, a supresión das reválidas e unha Lei galega de ensino que, salientou, “dotaría de estabilidade o sistema e permitiría un ensino adaptado a nosa realidade lingüística, cultural, socioeconómica e territorial prestando especial atención ao rural”.

Rodil reclamou orzamentos para facer cumprir a Lei Paz-Andrade incluíndo a contratación de profesorado en portugués, e foi moi crítica co chamado plurilingüismo da Xunta, “porque é impresentable que se potencie outras linguas a costa de achicarlle espazo á lingua propia. Pódese aprender outras linguas sen renuncia á propia, senón baixen a persiana dese chiringuito da Secretaria Xeral de Política Linguistica!”.

Finalmente, pediu a Consellería de Educación que informe canto antes onde se van realizar as probas de oposición das que están pendentes miles de opositores e opositoras “para organizar as súas vidas”.

Rodil, que puxo en valor a comparecencia de balanzo do conselleiro, “a primeira desde 2012”, reprochoulle ao titular de Educación que vista a súa intervención non tiña interese algún “en escoitar as reflexións críticas da oposición” senón anunciar novos módulos de FP, “iso quedáballe igual de ben nunha nota de prensa”, concluíu.