Olalla Rodil: “despois de dous anos de pandemia, o PP non mudou nada, as residencias de maiores seguen rexidas pola normativa de 1996 e a xestión en mans privadas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O BNG reclama un sistema público que garanta o dereito a unha vellez digna centrado nas persoas e non nos intereses empresariais

Rodil denuncia que a Xunta non construíu nin unha soa nova residencia pública e segue sen confirmar o modelo de xestión das 7 residencias que está a construír a Fundación Amancio Ortega.

A portavoz de dereitos sociais e viceportavoz do BNG, Olalla Rodil lembrou que unha das prioridades do traballo parlamentario desta forza política, dende o inicio desta lexislatura, “foi garantir o dereito a unha vellez digna” cun novo modelo de coidados. Neste sentido, reclamou un  sistema público “centrado nas persoas e non nos intereses empresariais”.

Por outra parte,  considerou que o novo modelo de xestión das residencias debe garantir  as condicións laborais e salariais  para as  súas traballadoras. A xuízo da deputada, Galiza precisa “dunha rede de servizos públicos fortes, de proximidade e  dirixidos a previr a dependencia, garantir a autonomía persoal e permitir poder enveceller na propia casa”.

A parlamentaria do BNG criticou o desleixo do Partido popular do que dixo, “non fixo nada” nin mudou nada tras dous anos de pandemia e a día de hoxe, descoñecemos cal será o modelo de xestión das 7 residencias que está a construír a Fundación Amancio Ortega.

O PP converte nun negocio a vellez e  coidados das persoas maiores

Ao longo destes dous, explicou a nacionalista, dende o BNG  impulsamos múltiples iniciativas; pelexamos  para acceder á información pública, expedientes sancionadores e actas de inspección e mesmo formulamos “unha Proposición de lei galega de residencias”, porque a pandemia puxo en evidencia as costuras dun modelo de atención á dependencia e de coidado das persoas maiores convertido “nun negocio”  co  80% en mans privadas e regado con grandes cantidades de diñeiro público, “100 millóns de euros ao ano”.

O Goberno do Partido Popular na Xunta non mudou nada, absolutamente nada, e dende o BNG, recalcou a deputada seguiremos reclamando un sistema público de coidados que garanta unha vellez digna, colocando as persoas no centro das políticas, despregando  unha rede de servizos públicos fortes e de proximidade baseados  na prevención da dependencia e no domicilio e que  garanta unhas condicións de traballo dignas para as traballadoras porque iso significa “maior calidade na atención”

Tras moitas promesas do Goberno galego, “todo segue igual” e a Xunta nin sequera modificou a normativa que regula as residencias coa orde de 1996, “non modificou as rateos de persoal, que continúan a ser os mesmos desde hai case 30 anos,  non fixou un límite de prazas máximo nin de unidades de convivencia para  unha atención máis personalizada e nada obriga aos centros residenciais a modificar a súa arquitectura ou organización interna”.

Por outro lado, engadiu Rodil, a Xunta tampouco mellorou  un ápice o sistema de inspección xa que continúa co mesmo n.º de inspectores e  o programa de persoal dos orzamentos para 2023 contempla 16 inspectores para todos os servizos sociais de Galiza, non só residencias. Tampouco incidiu nas sancións contra as vulneracións dos dereitos fundamentais das persoas usuarias por parte das empresas concesionarias do servizos de coidados e puxo como exemplo a sanción nunha residencia pública privatizada da Coruña por incumprir durante unha semana a obriga de ter enfermeira 24h foi de 3.001 euros. “Unha contía pírrica, menor que o custe de persoal”.

O  Partido Popular, recalcou a deputada, “quería que todo seguise igual. E así sigue” e por  iso rexeitaron crear unha comisión de investigación que esclarecese o que pasou durante a pandemia nas residencias, votou   en contra da Proposición de lei galega de residencias que impulsamos desde o BNG, rexeitou  a xestión pública das residencias así como  incrementar as rateos de persoal ou mellorar as condicións laborais das traballadoras. 

Da pandemia díxose que sairíamos mellores, que implicaría un cambio. Pois hoxe en Galiza no coidado e na atención das persoas maiores segue todo exactamente igual pero dende o BNG seguiremos presentando todas as iniciativas necesarias para “poñer as persoas no centro das políticas e garantir o dereito a unha vellez digna”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG