Olalla Rodil contrapón o proxecto do BNG “con vocación de servir o País” ao PP máis ultra que cada vez se parece menos a Galiza

Olalla Rodil

O BNG denuncia o xiro perigoso do PP: negacionismo da violencia machista e discurso racista

Rodil alerta sobre a deriva do Partido Popular e reclama medidas contundentes contra a corrupción

“Se se descubre en todo este proceso que hai algún tipo de corrupción que implique ou salpique o goberno, que ten que falar é a sociedade” sinalou

A viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, fixo públicas hoxe as súas preocupacións sobre o xiro ideolóxico do Partido Popular, que cualificou como "o máis ultra na forma e no fondo". Rodil destacou dous aspectos especialmente alarmantes: o negacionismo da violencia machista e o discurso racista. 

En relación á violencia machista, Rodil denunciou que o PP abraza o discurso das "denuncias falsas", unha narrativa propia da extrema dereita. "Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que non hai denuncias falsas, mentres que tres mulleres foron asasinadas en Galiza nos últimos dous meses", recordou. 

Sobre o discurso racista, a viceportavoz criticou as declaracións de Núñez Feijóo, quen se referiu ás persoas en situación irregular como "ilegais", negándolle dereitos universais polo simple feito de estar fóra da legalidade. "O PP está a promover unha visión antigalega e inhumana, presentando recursos de constitucionalidade para negar protección aos menores desprotexidos", afirmou. 

Rodil subliñou que Galiza non se identifica con estes valores: "Non somos machistas nin racistas. O BNG defende un proxecto político solidario, que amplía dereitos e garante unha sociedade máis xusta". 

Ademais, a viceportavoz nacionalista referiuse á comparecencia do presidente do goberno do Estado no Congreso, exixindo medidas claras contra a corrupción. "As explicacións chegan tarde, pero esperamos que estean á altura do que a democracia merece", concluíu.