O BNG denuncia que a Xunta incumple os obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 reducido a mera “retórica parlamentaria” cuxo resultado é unha Galiza “máis desigual que antes da chegada de Feijóo á Presidencia”. A saída da recesión “non está a implicar unha recuperación económica dos galegos e galegas”, salientou a portavoz de Economía Noa Presas en resposta ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.
Presas criticou o “continuísmo e as medidas cosméticas que non reducirán a fenda social”, cando o que precisa o país son cambios profundos para darlle a volta a unha realidade na que a taxa de risco de pobreza aumentou en Galiza tres veces máis rápido que no resto do Estado, ou cun mercado de traballo que ten un 95% de contratos asinados temporais. “Cando fala de que o emprego é unha prioridade non teñen credibilidade porque nin executan os plan de emprego”, recriminou a deputada.
De feito, con data 30 de setembro, a Xunta tiña seis programas de emprego cun nivel de execución por debaixo do 30%, un deles no 0% de execución.
O BNG denuncia que as políticas do PP “consolidan unha situación de empobrecemento estrutural”, coa metade dos fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes, “o que significa que a mellora da macroeconomía non chega ás persoas, que hai un problema estrutural que precisa cambios profundos”, alegou Presas.
A deputada nacionalista recriminoulle a Martínez que gobernase “pensando máis en Montoro que nas familias galegas que non chegan a fin de mes” e, de paso, permite a Madrid recortar a capacidade financeira e política de Galiza nun proceso de recentralización que conta coa complicidade de Feijóo. Neste sentido, Presas criticou a sacralización do obxectivo do déficit permitindo unha relación desigual “na que o Estado queda con case todo o reparto do déficit en detrimento das CCAA, cando son estas as responsábeis de prestar servizos públicos vitais como sanidade, ensino ou dependencia”.
“Saímos da recesión, aumenta a recadación e aínda así os límites de déficit aprobados para 2018 son máis restritivos coas Comunidades que os aprobados para o 2017”, denunciou Presas, quen tamén fixo fincapé no incremento da débeda pública “sen que sirva para paliar as desigualdades”
O Bloque aproveitou a comparecencia do conselleiro para criticar a ausencia da Xunta no debate de financiamento autonómico, “e resulta lamentable que sigan sen ter unha folla de ruta seria, todo pola irrelevancia política á que nos arrastra a súa submisión ao goberno central”.
Por iso, “esixímoslle que saian da posición de subordinación permanente a Rajoy e que o señor Feijóo, en lugar de ir de recadeiro a Madrid, defenda con unllas e dentes unha financiación xusta para os servizos dos galegos e galegas”, concluíu, pedindo a Martínez “que rectifique unhas supostas liñas estratéxicas que amosan falta de vontade para recuperar servizos públicos, sen proposta de desenvolvemento económico e cohesión social e que afondan na renuncia ao autogoberno e no conformismo”.