Noa Presas denuncia o “desleixo” do PP para recuperar a torre defensiva de Sande en Cartelle

Torre de Sande (Foto: Galipedia)

A deputada por Ourense, Noa Presas demandou do Goberno galego medidas urxentes para  “consolidar, conservar e garantir accesibilidade da torre medieval de Sande no concello de Cartelle”.

A parlamentaria lamentou que o Partido popular impedira que prosperara a iniciativa nacionalista para conservar unha torre defensiva situada a máis de 500 metros de altura, que xunto a de Sandiás e a torre da Pena cercanas a Cartelle é   “unha xoia do conxunto da  arquitectura defensiva do patrimonio galego” a conservar.

A deputada denunciou “o abandono” por parte da Xunta de Galiza da torre  que no ano 2009 contaba cun proxecto para a súa conservación elaborado polo goberno bipartito e durante todos estes anos, dixo,“o goberno de Feijóo non emprendeu ningunha medida para poñer en valor a torre nin este tipo de construcións do patrimonio galego”.

Presas recalcou que a torre precisa ser apuntalada polo “grave deterioro” que padece e que  denunciado polo BNG en diversas ocasións ás que sumou as expresadas pola asociación ecoloxista ADEGA.

Para a deputada, o Partido popular utiliza “desculpas ridículas” para xustificar o voto en contra á proposta do BNG. Presas lembrou que a pesar de ser unha propiedade privada, os catro propietarios amosaron a súa dispoñibilidade para a súa cesión  ante a imposibilidade de asumir o custe económico na súa “intervención, mantemento e posta en valor”.

Ante esta situación, a Xunta desentendese e pasa a pelota ao concello gobernado polo Partido popular. Resulta  surrealista, ironizou, que sexa precisamente o BNG o que defenda ao concello de Cartelle pero os concellos pequenos  “non poden asumir funcións da dirección Xeral de Patrimonio”. Hoxe mesmo, indicou, o concello desestimou participar no Xeodestino pola contía económica que debe aportar anualmente e que resulta inasumible para as contas municipais.

Ademais lembrou que nos orzamentos para o 2018, aumenta a contía dos programas de patrimonio pasando de 12  a 15 M€ e lamentou que a pesar desa ampliación, “Cartelle fique ausente dese reparto”. Co seu voto en contra, o Partido popular “non defende o concello de Cartelle nin a posta en valor do patrimonio de Sande e das localidades limítrofes”. Noa Presas advertiu que de non intervir na torre, pode acabar “derrubada definitivamente por un incendio ou pola importante fenda da súa estrutura”. concluíu.