xerais 2023

Noa Presas chama a concentrar o voto da mocidade “valente, rebelde e inconformista” no BNG

Mocidade Ourense
Mocidade Ourense

“Defenderemos medidas como aumentar as bolsas de estudo, bonificar o transporte para os menores de 30 ou abordar os problemas de saúde mental” sinala

Políticas valentes en materia de vivenda, destinar 1% do Orzamento do Estado a políticas para a mocidade e un plan específico para que as persoas mozas emigradas poidan volver: compromisos principais do BNG

“Non vos imos fallar, nin á hora de defender en Madrid un Ourense con futuro para a mocidade nin pararlle os pés á extrema dereita” afirma Presas

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, e o candidato do BNG ao Congreso, Artai Gavilanes, manteñen un encontro con mocidade de Ourense onde chaman concentrar o voto da mocidade “valente, rebelde e inconformista” que “non se resigna” e sabe que “Ourense merece máis”. Neste sentido, Presas comprométese a defender medidas específicas para a mocidade como destinar o 1% do Orzamento do Estado, políticas en materia de vivenda ou un Plan de retorno para que as persoas mozas emigradas poidan volver con garantías de inserción laboral. Segundo afirma a cabeza de lista, o BNG “non lle vai fallar á xente moza, tampouco á hora de defender ante Madrid unha Galiza e un Ourense con futuro, nin á hora de pararlle os pés á extrema dereita”.

“Ourense é unha das catro provincias con menos poboación xuvenil de toda Europa porque as mozas e mozos vénse na obriga de escoller entre a precariedade ou a emigración” comeza a cabeza de lista do BNG ao Congreso. Segundo os datos recollidos, nos últimos catorce anos de Goberno “tiveron que coller a maleta 200.000 mozos e mozas” menores de 34 anos “froito das decisións políticas dos sucesivos gobernos que roubaron á mocidade oportunidades para quedar a vivir e traballar neste País”.

E, continúa, a mocidade que decide quedar no País, ten serias dificultades para emanciparse: “só dous de cada dez mozos e mozas menores de 30 anos conseguen irse de casa, a metade dos galegos de entre 25 e 34 anos seguen vivindo coa familia a pesar de que teñen traballo todo o ano porque é misión imposible acceder a unha vivenda digna en aluguer” apunta. En materia de vivenda, Presas aposta por “impulsar políticas valentes de vivenda” que garantan o acceso da mocidade e mesmo a transferencia dos activos da SAREB a Galiza e incorporalas á bolsa de vivendas e inmóbeis para fomento da vivenda pública social no País.

“Fronte a un Estado que cada vez inviste máis en gastos militares, a nosa prioridade é a mocidade. Por iso queremos condicionar as políticas do Goberno do Estado para destinar o 1% dos Orzamentos do Estado para políticas para a mocidade” sinala. Estes fondos serían transferidos ás Comunidades Autónomas para apostar “por medidas co como aumentar as bolsas de estudo, bonificar o transporte para os menores de 30 ou abordar os problemas de saúde mental”.

Por último, entre as principais propostas da organización nacionalista para a mocidade, Presas destaca o Plan de retorno destinados as persoas mozas emigradas. “Queremos que a mocidade que se viu obrigada a emigrar poida volver a este País, garantindo unha inserción laboral e un acceso á vivenda dignos” finda Presas.

“Este 23 de xullo xogádesvos moito e por iso pídovos que vos mobilicedes para encher as urnas de papeletas do BNG. Porque o voto ao BNG significa dúas cousas: frear a dereita e poñer a Galiza e os dereitos sociais por diante” asevera. Presas engade que “o BNG non lle vai fallar á xente moza, nin á hora de defender ante Madrid unha Galiza con futuro para a mocidade, nin á hora de pararlle os pés á extrema dereita”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG