Noa Presas acusa a Política Social de “neglixencia gravísima” na xestión do centro de discapacidade para adultos de Ourense
A deputada do BNG Noa Presas denunciou a “neglixencia gravísima” que está a cometer a Consellería de Política Social na xestión do centro de discapacidade para maiores de 21 anos de Ourense que, con apenas un ano de funcionamento, adoece de falta de prazas, escaseza de persoal ou problemas na convivencia que fan que as visitas da Policía Nacional sexan relativamente frecuentes.
Nunha pregunta no Pleno á conselleira Fabiola García, a deputada nacionalista explicou que este centro, que o PP decidiu que non fose de xestión directa, non ofertou as 30 prazas de atención diúrna que aparecían no prego de contratación ata hai unha semana, cando o BNG fixo a denuncia, e malia ser este “un recurso fundamental –dixo– para o respiro familiar que debía funcionar de luns a venres 8 horas 220 días ao ano”.
Presas subliñou así mesmo a falta de persoal no centro, que “en momentos clave” non chegou a cumprir as rateos. “Menos xente non pode facer o mesmo traballo”, advertiu a deputada, que tamén se referiu na súa pregunta a outros problemas, como o mal funcionamento das cámaras de seguridade ou á estadía no centro de “usuarios alleos á discapacidade”.
A deputada do BNG asegurou que, cando menos, xa se presentou tanto na Consellería como na Policía unha denuncia por parte da familia dunha usuaria “que primeiro estivo sobremedicada e que despois foi agredida por outras usuarias ata en tres ocasións”. A súa familia, engadiu, acabou sacando a esta usuaria do centro de discapacidade para adultos de Ourense.
“A cantas máis puido pasarlle o mesmo? Porque sabemos que non funcionaron as cámaras de seguridade, que son frecuentes as visitas da Policía Nacional a este centro e que neste centro estiveron usuarios alleos á discapacidade, con outras necesidades, como fai a súa Consellería coas residencias de maiores”, denunciou.
“É unha neglixencia gravísima da súa Consellería e vostede é a principal responsable”, concluíu Presas, que reclamou que de maneira urxente a Xunta tome as medidas necesarias para garantir o correcto funcionamento do CAP de Ourense.