BNG exixe á Autoridade Portuaria obrigar a Nacosta Watersports a respectar a toponimia oficial do Parrote

Néstor Rego
Néstor Rego reclama respectar a lei e que a Administración Estatal deixe de mirar para outro lado mentres se está a deturpar a toponimia oficial en concesións de dominio público

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama á Autoridade Portuaria da Coruña e a Portos do Estado que actúen de inmediato para garantir o respecto pola toponimia oficial e pola lingua galega na concesión da área de esparexemento do Parrote, explotada pola empresa Nacosta Watersports.

"O Parrote é un espazo perfectamente identificado por toda a veciñanza da Coruña e non é admisíbel que unha empresa privada pretenda borrar a súa denominación tradicional e oficial para substituíla por un nome alleo á nosa lingua e á nosa identidade, coa pasividade da Autoridade Portuaria" denuncia Rego.

O deputado nacionalista lembra que a Lei 3/1983, de normalización lingüística, estabelece que os topónimos da Galiza teñen como única forma oficial a galega, polo que considera que a Administración Xeral do Estado, a través de Portos do Estado e da Autoridade Portuaria da Coruña, ten a obriga de velar polo seu cumprimento tamén nas concesións do dominio público.

Neste sentido, Néstor Rego reclama que a Autoridade Portuaria requira á empresa concesionaria a retirada da denominación deturpada e a adopción dunha identidade que respecte o nome tradicional e oficial do lugar, O Parrote, así como garantir o uso do galego na sinalización, na comunicación e na imaxe das instalacións.

O deputado do BNG entende que "non se pode consentir que unha administración pública mire para outro lado mentres se invisibiliza a nosa lingua e se deturpa a toponimia oficial. Respectar os nomes propios da Galiza non é unha cuestión estética nin comercial, senón unha obriga legal e unha mostra de respecto polo noso patrimonio cultural e lingüístico".

Demanda tamén a incorporación de criterios claros e de obrigado cumprimento para a protección da lingua galega e da toponimia oficial en todas as concesións e autorizacións que dependen dos organismos portuarios na Galiza, evitando que se repitan situacións como a do Parrote.

"O Estado non pode ser cómplice da eliminación consciente do galego dos espazos públicos. As administracións teñen a responsabilidade de protexer o patrimonio lingüístico do país e de facer cumprir a legalidade, tamén cando conceden a explotación de instalacións públicas a empresas privadas" conclúe Rego.