Néstor Rego: “Os votos do BNG serán decisivos na seguinte lexislatura para frear a dereita e avanzar na Axenda Galega”

Xunqueira de Alba (Pontevedra)
Xunqueira de Alba (Pontevedra)

O BNG estabelece como prioritario para a vindeira lexislatura do Congreso a reversión das concesións administrativas na Xunqueira de Alba e promover a súa rexeneración e conservación, así como o do conxunto do litoral de Pontevedra.

Lores aposta por contar cun Grupo Galego Forte en Madrid que permita condicionar as políticas que leve a cabo o Goberno do Estado e defenda os intereses dos e das pontevedresas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, exemplifican na recuperación dos terreos da Xunqueira de Alba a necesidade de que a frente nacionalista teña un Grupo Galego Forte en Madrid que permita condicionar as políticas que leve a cabo o Goberno do Estado. Neste sentido, o BNG reclama a rexeneración e conservación de todo o conxunto do espazo verde, próximo ao núcleo urbano de Pontevedra, revertendo as concesións administrativas aprobadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que afectan a unha superficie de 17 hectáreas e das que, a día de hoxe, son beneficiarias distintas administracións públicas.

Miguel Anxo Fernández Lores destaca o traballo intenso e incansábel do BNG durante esta lexislatura no Congreso da man do deputado nacionalista Néstor Rego. “Non houbo problema nin solución que o BNG non trasladase á cámara baixa e defendeu os intereses da cidadanía da Galiza e, no concreto, da de Pontevedra” avala Lores. Neste sentido, o alcalde de Pontevedra sinala a necesidade de que o BNG conte cun Grupo Galego forte en Madrid que “permita condicionar as políticas do Goberno do Estado e defender os intereses dos e das pontevedresas”.

“Dez anos despois de comezar o proxecto para a    recuperación deste espazo verde, as únicas iniciativas que se teñen presentado, alén da aprobada pola Deputación de Pontevedra, son as do BNG no Congreso” sinala. Alén do máis, lembra que o equipo de goberno municipal tamén ten realizado todas as xestións precisas para reverter estas concesións mais agora, engade, a pelota está no tellado do Ministerio.

“O BNG levou o caso do humidal da Xunqueira de Alba ao Congreso durante esta lexislatura, mediante distintas iniciativas, exixindo ao Goberno do Estado a reversión das concesións e a aposta pola rexeneración e conservación deste espazo verde” destaca o deputado do BNG na cámara baixa. En opinión do deputado nacionalista, o Goberno do Estado debería “renunciar de forma voluntaria e anticipada ás concesións que ostenta e emprega a propia Administración do Estado e proceder á liberación dos terreos co obxectivo de destinalos a crear unha gran zona verde”. Este proxecto para a rexeneración e conservación de todo o conxunto deste espazo verde afecta a unha das zonas húmidas mellor preservadas nas Rías Baixas e de gran interese para as aves acuáticas migratorias constituíndo un lugar de cría, ademais de albergar outras especies de fauna e flora que deben ser protexidas.

“O MITECO debe promover a liberación dos terreos, renunciando ás concesións que ostenta e, paralelamente, comezar os contactos co resto de administracións concesionarias para rematar anticipadamente a ocupación deste espazo, promovendo así, a rexeneración ambiental integral do espazo protexido da Xunqueira de Alba, así como o conxunto do litoral de Pontevedra” demanda Rego.

“O caso da Xunqueira de Alba exemplifica porqué é máis preciso que nunca que o BNG conforme un Grupo Galego Forte en Madrid para condicionar as políticas que leve a cabo o executivo estatal, para demandar a reversión das concesións e a recuperación da zona húmida, pero tamén para reclamar o resto de cuestións na axenda da cidade” sentenza Rego.

Por último, o deputado nacionalista sinala que o BNG neste proceso electoral volverá comprometerse coa cidadanía galega para actuar en tres ámbitos fundamentais, defender os intereses da Galiza, impulsar políticas sociais avanzadas e contribuír para frear a dereita e a ultradereita. “Os galegos e galegas deben estar certos de que, como xa aconteceu hai catro anos, os votos do BNG serán chave para conseguir que a dereita non goberne no Estado español” finaliza Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG