Néstor Rego rexeita a escalada militarista do Goberno: “Non queremos tanques nas rúas, Galiza quere paz”
O deputado do BNG participou na mobilización convocada en Vigo pola Plataforma Galiza pola Paz contra o desfile militar e a propaganda belicista
“Hai cartos para tanques e desfiles militares mentres faltan recursos para vivenda, sanidade e dependencia” denuncia Rego
O deputado do BNG no Congreso e membro da Executiva Nacional, Néstor Rego, participou na mobilización convocada en Vigo pola Plataforma Galiza pola Paz para amosar o rexeitamento da sociedade galega á guerra, ao desfile militar organizado na cidade e á escalada militarista impulsada polo Goberno do Estado.
Rego estivo acompañado por outros membros da Executiva Nacional do BNG, Lucía López, Noa Presas, Eva Vilaverde e Bieito Lobeira, deputadas do BNG no Parlamento de Galiza, Carmela González, Montse Prado e Brais Rúanova, o voceiro municipal do BNG, Xabier P. Igrexas e os concelleiros Ana Martínez e Filipe Abalde, entre outros cargos orgánicos e institucionais da organización nacionalista.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista critica o “despropósito” que supón destinar recursos públicos á organización dun desfile militar e á mobilización de material bélico “nun momento de crise social e económica no que existen necesidades urxentes en materia de vivenda, sanidade, dependencia ou servizos públicos”.
“Mentres milleiros de familias teñen dificultades para acceder a unha vivenda ou chegar a fin de mes, o Goberno do Estado decide gastar millóns en propaganda militar e exhibicións bélicas. É unha absoluta irresponsabilidade” denuncia Rego.
O deputado do BNG advirte ademais da “crecente dinámica belicista” promovida polo executivo español e pola Unión Europea, ao tempo que cuestionou a incoherencia de reivindicar o “Non á guerra” mentres se promove “unha semana enteira de propaganda militar nas rúas de Vigo”.
“Non é coherente defender a paz e ao mesmo tempo normalizar a militarización da sociedade, os desfiles militares e a exhibición de armamento como se fose un espectáculo” afirma.
Néstor Rego lembra que o Goberno de Pedro Sánchez protagonizou “o maior incremento do gasto militar das últimas décadas”, cunha escalada armamentística que “hipoteca recursos públicos que deberían destinarse ás necesidades reais da maioría social”.
Neste sentido, denuncia que o Estado español continúa “embarcado nunha carreira armamentística ao ditado da OTAN e dos Estados Unidos”, comprometendo miles de millóns de euros en armamento mentres se poñen en risco políticas sociais fundamentais e sectores estratéxicos para a Galiza.
“O último que precisa a sociedade galega é máis militarización, máis propaganda bélica e máis gasto militar. Galiza quere paz, cooperación entre os pobos e investimento en dereitos sociais, non en armas” destaca.
Finalmente, o deputado nacionalista pon en valor a resposta social contra o desfile militar e asegurou que “cada vez máis persoas rexeitan esta deriva militarista e reclaman que os recursos públicos se destinen a mellorar a vida da xente e non a alimentar conflitos e intereses da industria armamentística”.