xerais 2023

Néstor Rego: “Lugo terá representación nacionalista no Congreso para defender os seus intereses”

Lugo
Lugo

Sen maiorías absolutas no Congreso “é o momento de votar en chave galega confiando no BNG”, voto que servirá para defender o País e avanzar en políticas sociais que beneficien as clases populares da Galiza e do conxunto do Estado

Rubén Arroxo destaca que o único que defendeu con coherencia as infraestruturas necesarias para Lugo foi o BNG e garante que tamén o fará na próxima lexislatura

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal en Lugo, Rubén Arroxo, realizaron un balance do traballo realizado pola frente nacionalista nesta lexislatura na defensa dos intereses da cidade de Lugo e a súa comarca, enumerando os logros, sinalando as materias pendentes e estabelecendo as prioridades despois do 23X. O obxectivo é un Grupo Galego forte en Madrid  e as persoas que votaron o BNG o 28 de maio darían representación nacionalista pola provincia de Lugo polo que é perfectamente posíbel obtela. A organización nacionalista critica a actitude dos partidos de ámbito estatal –PSOE, PP e UP- que actuaron sempre ás ordes das súas direccións de Madrid e rexeitaron as propostas do BNG para superar o déficit histórico que sofre Lugo en materia de infraestruturas –modernización da vía ferroviaria, conexión con Santiago, finalización da A-54- e denuncia o incumprimento do PSOE de parte do Acordo de Investidura que, entre outras medidas, recollía a creación dun xulgado de violencia machista na cidade.

O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, cualifica o traballo de Néstor Rego no Congreso con “matrícula de honra” porque, a pesar de ter unha soa acta das 350 da cámara baixa, a presenza da Galiza e a defensa dos intereses de Lugo “foi incríbel”. Concretamente, no caso de Lugo, sinala as diversas iniciativas rexistradas para resolver os problemas da cidade, sobre todo no eido das comunicacións. “Vendo o exemplo dos vascos e cataláns, temos que ter un grupo galego forte para condicionar o Goberno e reclamar maior investimento e execución orzamentaria para que Lugo poida desenvolver todo o seu potencial a nivel económico e social” destaca Arroxo.

Néstor Rego sinalou que o BNG conseguiu desbloquear a Axenda Galega durante esta lexislatura, a través do Acordo de Investidura e as miles de iniciativas presentadas. Entre as medidas que o BNG incorporou ao Acordo de Investidura e que están executándose están a modernización e electrificación da rede ferroviaria entre Lugo e Ourense no entanto, en materia ferroviaria, fica pendente  a modernización e electrificación da liña entre Lugo e a Coruña, a conexión ferroviaria entre Lugo e a capital da Galiza ou a implantación dos servizos de cercanías, ou, en materia viaria, a finalización da A-54 e da A-56e que seguirán defendendo na próxima lexislatura.

Rego salientou que “só o BNG defendeu no Congreso as infraestruturas de comunicación que Lugo precisa para saír do illamento frente a un PP que non actuou nos seis anos que estivo no goberno e frente a un PSOE que mesmo actuou en contra dos intereses de Lugo rexeitando as emendas que o BNG veu presentando aos orzamentos nos últimos tres anos”.

No ámbito social, o deputado nacionalista considera moi grave que o PSOE “non cumprise un acordo fundamental para Lugo como é creación dun Xulgado de Violencia de Xénero na cidade, pois en políticas de igualdade son precisos feitos e medios non só retórica”, e comprométese a seguir traballando para facelo posíbel.

Por estes motivos, Rego sinala que, nun previsíbel escenario sen maiorías absolutas, é necesario un Grupo Galego Forte en Madrid, que utilice os seus votos decisivos para defender os intereses da Galiza e de Lugo “As persoas que votaron o BNG o 28 de maio darían representación ao BNG pola provincia de Lugo. Por tanto, é perfectamente posíbel e estamos convencidos de que o farán, de que volverán a coller a papeleta do BNG sabendo que é o mellor para esta cidade e para esta provincia” conclúe o deputado nacionalista.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG