Néstor Rego destaca que o BNG logra manter as paradas de autobús en Becerreá, Baralla, O Corgo, Guitiriz, Neira, Palas de Rei e Monterroso
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, visitou hoxe o concello de Becerreá para reivindicar que se vaia manter a parada de autobús neste municipio grazas ao traballo e ás achegas do BNG na tramitación da nova Lei de Mobilidade Sustentábel. Néstor Rego estivo acompañado por cargos institucionais e orgánicos da formación nacionalista nos concellos afectados polo mapa concesional do Ministerio mais que, após o conseguido polo BNG, manterán a súa parada de autobús: Becerreá, Baralla, O Corgo, Guitiriz, Neira, Palas de Rei e Monterroso.
Durante a visita, Rego salienta que o BNG “logrou blindar na lei as paradas de autobús que o Goberno do Estado pretendía eliminar, garantindo así o dereito á mobilidade e o acceso aos servizos públicos nas zonas rurais e do interior”. A modificación impulsada pola formación nacionalista obriga o Estado a manter as conexións existentes ou, no caso de que a Xunta de Galiza as asuma, a ser compensada economicamente, evitando así que o custo recaia sobre as arcas galegas.
No caso da comarca lucense, os concellos afectados que se verán beneficiados finalmente após a contribución do BNG son os de Becerreá, Baralla, O Corgo, Guitiriz, Neira, Palas de Rei e Monterroso.
“A norma estabelece que o Estado deberá manter esas conexións ou, se as asume a Xunta, compensará economicamente á Administración galega, de modo que non haxa custe adicional para Galiza nin perda de servizos no rural” subliña Rego.
O deputado explica que esta mellora, conseguida a instancias do BNG, corrixe o mapa concesional de transporte por estrada do Ministerio, amplamente cuestionado por deixar fóra múltiples paradas en zonas con escasa oferta de transporte alternativo.
“Evítase que zonas enteiras da Galiza queden incomunicadas. Conseguimos que se manteñan as 22 paradas nos concellos galegos e que, se a Xunta as asume, non lle supoña gasto ningún. Mesmo lle facilitamos o traballo ao PP no Goberno galego” engade o deputado nacionalista.
Rego destaca que, grazas a esta iniciativa, máis de 130.000 galegos e galegas poderán seguir empregando o transporte público por estrada, mantendo conexións esenciais para a vida cotiá e a cohesión territorial.
O deputado remata afirmando que o resultado acadado “é unha mostra máis do compromiso do BNG coa defensa dos dereitos da cidadanía galega, coa igualdade territorial e coa loita contra o abandono do rural”, facendo un chamamento a seguir fortalecendo a presenza nacionalista nas institucións para “continuar logrando avances concretos para a Galiza”.