Congreso
Néstor Rego defende no pleno do Congreso a iniciativa do BNG para transferir os activos da SAREB á Galiza
23 de setembro de 2025 (21:11 h.)
A iniciativa procura garantir vivenda digna na Galiza mobilizando máis de 4.000 inmóbeis -vivendas, solos e promocións- e transformalos en fogares dignos a prezos xustos ante a emerxencia habitacional
O deputado do BNG chama o resto de forzas políticas a apoiar a iniciativa que reclama transferir todos os activos da SAREB e integralos no parque público de vivenda
A iniciativa do BNG, finalmente, ten como puntos resolutivos:
O Congreso insta o Goberno a:
- Informar con total transparencia sobre os activos inmobiliarios en mans da SAREB, sobre cales foron transferidos á SEPES e a situación de cada un deles aos concellos e comunidades autónomas en que se sitúan.
- Traspasar á título gratuíto á Xunta da Galiza, así como a calquera outra Comunidade Autónoma que o solicite, e/ou aos concellos interesados, os activos inmobiliarios en mans da SAREB (vivendas, solos e promocións) ou transferidos á SEPES sitos nos seus territorios, para que os órganos respectivos competentes en materia de vivenda asuman a xestión, administración e planificación dos activos co obxectivo de incrementar a bolsa de vivenda pública accesíbel.
- Estabelecer medidas áxiles e efectivas que permitan limitar o prezo dos alugueres e impedir a súa suba descontrolada, asegurando así o acceso á vivenda das persoas con menos recursos.
- Fixar mecanismos de financiamento suficiente ás Comunidades Autónomas, administracións competentes en materia de vivenda, para desenvolver políticas de vivenda pública, especialmente en réxime de aluguer social e accesíbel, que permitan a efectivización do dereito a unha vivenda digna.