Congreso

Néstor Rego defende no Congreso a moción do BNG para frear a escalada belicista e priorizar o benestar social

"Non queremos sociedades militarizadas nin un mundo que naturalice a guerra" reivindica Néstor Rego

Rexeitar as ameazas a terceiros países, condenar as intencións de Trump sobre Gaza, oporse ao fondo de 800 millóns de euros, renunciar a calquera incremento de gasto militar e disolver a OTAN: recolle a moción do BNG

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, defende no Congreso a necesidade de frear a escalada belicista, impulsada pola Unión Europea e os Estados Unidos, e priorizar os investimentos en benestar social. A moción presentada polo BNG procura o apoio da cámara baixa para reclamar que o Estado español renuncie ao aumento do gasto militar, aposte polo diálogo para a paz e abandone a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Rego denunciou que "a Unión Europea segue comportándose como un vasalo fiel e submiso do amo americano" mesmo ante "as ameazas de Trump de se facer, mesmo pola forza, con territorios como Groenlandia ou de controlar a Faixa de Gaza mediante unha limpeza étnica". O deputado nacionalista, neste sentido, critica a falta dunha resposta contundente por parte dos líderes europeos, a pesar de tratarse de "flagrantes crimes de lesa humanidade".

O portavoz do BNG no Congreso alerta de que a suposta "orde internacional baseada en regras" é unha farsa, en que "as normas se impoñen só aos países máis débiles mentres os poderosos actúan con total impunidade". Advirte, ademais, de que "os Estados Unidos, tanto agora con Trump como antes con Biden, buscan manter a súa hexemonía impedindo o avance dun mundo multipolar".

Sobre a proposta de crear un fondo de 800.000 millóns de euros para armamento na Unión Europea, Rego foi contundente: "Esta medida non busca a autonomía militar da Unión Europea, senón reforzar a OTAN e satisfacer as demandas de Trump de incrementar o gasto militar en Europa". Así mesmo, sinala ademais de que "este incremento de gasto militar redundará en recortes en sanidade, educación, dependencia, vivenda e servizos sociais".

Néstor Rego subliña que "máis gasto militar non significa máis seguranza, senón máis polarización e risco de conflito" e critica a "brutal campaña de propaganda" promovida polas elites para xustificar esta escalada armamentística e convencer o pobo de que hai que “facer sacrificios”.

A iniciativa do BNG e a súa parte resolutiva: pola Paz e a convivencia

A moción defendida por Rego recolle seis puntos fundamentais, entre eles o rexeitamento ás ameazas de Trump contra Groenlandia e Panamá, a condena á pretensión de controlar Gaza mediante unha limpeza étnica, a oposición á creación do fondo europeo para gasto militar e a renuncia ao incremento do gasto en defensa. Ademais, insta ao Goberno a promover a vía do diálogo para a paz e a saída de España da OTAN.

"Non queremos sociedades militarizadas nin un mundo que naturalice a guerra" concluíu Rego, chamando os grupos parlamentarios a apoiar a iniciativa do BNG para frear a escalada armamentística e priorizar o benestar das clases populares.