Congreso

Néstor Rego defende no Congreso un concerto económico para a Galiza frente ao modelo “caduco e claramente inxusto”

O deputado do BNG denuncia o espolio fiscal que sofre o país e reclama unha facenda propia para garantir máis recursos para os servizos públicos e o benestar social

Rego critica a negativa do Goberno galego de aceptar a condonación da débeda conseguida polo BNG no Acordo de Investidura

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, defende no Congreso unha iniciativa no pleno para a Galiza conte cun novo modelo de financiamento baseado no concerto económico, que poña fin ao espolio fiscal e permita que os impostos pagados no país redunden directamente na mellora da calidade de vida da maioría social.

Sobre a quita da débeda conseguida polo BNG

Na súa intervención, Rego destaca como “na Galiza implica a condonación de 4 010 M€, exactamente terza parte -1 de cada 3 euros- da débeda pública que xerou no noso País a pésima xestión do Partido Popular de Feixoo e Rueda”, en referencia á recente aprobación polo Consello de Ministros e Ministras do proxecto de condonación da débeda, froito do Acordo de Investidura asinado polo BNG.

O deputado nacionalista critica con dureza a negativa do Goberno galego a aceptar esta condonación, subliñando que o presidente da Xunta “rexeita que lle sexan condonados 1 de cada 3 euros en débeda, o que reduciría a partida para pagamento de principal e xuros e posibilitaría destinar máis recursos a políticas sociais urxentes, educación, sanidade, vivenda, atención á dependencia, etc.”. Para Rego, esta actitude demostra que “o PP e Rueda colocan por diante os espurios intereses partidistas que os intereses de todos os galegos e galegas”.

Espolio fiscal na Galiza

Máis alá da cuestión da débeda, Néstor Rego denuncia que “a Galiza sofre hoxe un verdadeiro espolio fiscal como consecuencia dun sistema de financiamento caducado, ineficaz e claramente inxusto”, que non ten en conta factores estruturais como a dispersión poboacional ou o envellecemento e que provoca “máis de 5 000 M€ -datos de 2022- de diferenza entre o que os galegos e galegas pagamos en impostos e o que o Estado nos devolve”.

A esta situación súmase, segundo explica, ao chamado efecto sede, polo que milleiros de empresas que operan na Galiza tributan fóra do país, así como un financiamento local que prexudica os concellos galegos, que reciben “50 € menos que a media estatal” por habitante.

Novo modelo de financiamento baseado no concerto económico

Fronte a este escenario, o deputado do BNG defende que “o BNG reclama para a Galiza un novo modelo de financiamento que permita á Administración Galega recadar todos os seus impostos, plena capacidade de decisión en materia fiscal e dotarse dunha facenda propia”, apostando por “un modelo de concerto, perfectamente posíbel no marco xurídico-político actual”.

Rego rexeita os argumentos que cualifican a Galiza como incapaz de xestionar os seus recursos e afirmou con rotundidade: “Nada máis falso e lonxe da realidade. De facto é xustamente ao revés: España vive, en boa parte, tamén do espolio da Galiza”.

O deputado nacionalista fai unha defensa clara da soberanía fiscal como ferramenta para a xustiza social: “Galiza ten capacidade e debe ter, tamén, a facultade normativa e responsabilidade fiscal sobre o conxunto dos impostos soportados pola nosa xente”, co obxectivo de garantir “un sistema tributario máis xusto, equitativo e redistributivo”.