Néstor Rego carga duramente contra o PP por votar en contra da transferencia da AP-9 á Galiza
Rego alerta dunha nova traizón do Partido Popular aos intereses da Galiza: “buscan pretextos formais para votaren en contra de acordos unánimes no Parlamento de Galiza”
O deputado do BNG congratúlase de que saíse adiante o ditame para transferir a titularidade da AP-9 e todas as competencias ao tempo que o Estado asume as consecuencias económicas das súas decisións até o momento da transferencia efectiva
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o voto en contra dos populares ás emendas transaccionais conseguidas polo BNG para a transferencia da titularidade e as competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza. Para o deputado nacionalista, este voto en contra dos Partido Popular traizoa os intereses dos galegos e das galegas.
Durante a ponencia que aborda a proposición de lei para a transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza, o Partido Popular -xunto con Vox- votou en contra das emendas transaccionais conseguidas froito da negociación do BNG co PSOE e que foron apoiadas por outras forzas políticas do arco parlamentario.
O Partido Popular, nunha actitude, nun comportamento que xa non sorprende ao BNG, “di unha cousa mais fai a contraria”, especialmente “cando se trata de intentar que a actuación do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, ou no conxunto das institucións, non evidencie os avances que se producen para o noso País”.
“Buscan pretextos formais para tentar impedir que saia adiante unha transferencia pola que a Galiza leva décadas traballando. Os mesmo que, cando tiñan maioría, vetaron o debate no Congreso da Lei proposta polo Parlamento da Galiza, nun acto de evidente demagoxia, din agora que “non é suficiente”.
O certo é que a proposta de texto conseguida polo BNG “recolle todos os elementos que foron aprobados pola unanimidade do Parlamento de Galiza: a transferencia da titularidade da AP-9, a transferencia de todas as competencias na xestión da infraestrutura -incluída a posibilidade de bonificacións ou a posibilidade de eliminar a concesión- e, ao mesmo tempo, recolle que a Administración do Estado será responsábel -tamén no ámbito económico- de todas as decisións que adoptou sobre esta infraestrutura”.
Iso implica que o texto garante o financiamento de todas as decisións que o Estado veu adoptando (por exemplo as bonificacións en vigor) e mesmo hipóteses como a posibilidade de finalizar a concesión en consecuencia do expediente de infracción aberto pola Unión Europea pola prórroga ilegal aprobada por un goberno conservador, do Partido Popular, no ano 2000 baixo a presidencia de Aznar.
Ademais, a proposta final respecta o autogoberno galego na medida que estabelece que a concreción do recollido na Lei debe producirse na negociación bilateral na Comisión Mixta de Transferencias Xunta-Estado. “Parece que o PP non confía moito na capacidade política e de negociación do Goberno de Rueda”, ironiza Rego.