Parlamento Galego

Montse Prado leva ao Parlamento a saturación do servizo de urxencias no Hospital da Coruña denunciado polo persoal

Montse Prado

“Pregúntolle señor conselleiro de Sanidade se é capaz de imaxinarse atendido no corredor dun hospital sen ningunha intimidade”, interpela

Pide á Xunta que actúe sobre as listas de espera, que solucione as carencias de persoal e que aporte máis recursos á atención primaria

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, trasladou ao Parlamento a situación de saturación do servizo de urxencias do hospital da Coruña denunciado polo comité de centros, pese a que aínda non se produciu o pico da gripe. Doentes que se acumulan nos corredores onde son atendidos sen contar cos medios suficientes e sen a máis mínima intimidade.

“É intolerable e unha falta de respecto coa persoa doente cambiar cueiros, poñer cuñas ou tomar constantes vitais e dispensar medicamentos no medio dun corredor e pregúntolle señor Almuíña se é capaz de imaxinarse a vostede nesa situación, se é capaz de imaxinarse ingresado por urxencias e que atendan no medio dun corredor sen ningún tipo de intimidade nin confidencialidade, é unha pregunta que debería facerse a si mesmo”, interpelou Prado ao conselleiro de Sanidade no debate en pleno.

Os profesionais denuncian que son unhas condicións “deplorables”, recalcou, tanto para as persoas doentes como para o propio persoal, condicións que non permiten dar unha atención axeitada. Mentres esta situación se da no CHUAC, -e noutros centros hospitalarios do país, o SERGAS mantén camas e mesmo plantas pechadas. “No Hospital da Coruña saltaron as alarmas porque a Xerencia quixo utilizar máis corredores, mesmo con correntes de aire, para seguir atendendo a persoas que acudían por urxencias e senón se fixo foi polo plante do persoal a atender en semellantes condicións”, alegou.

“Está é a situación antes do pico de gripe imaxinemos o que pode pasar cando se produza”, recalcou a deputada, tras insistir en denunciar os servizos pechados, como por exemplo unha planta de maternidade “aínda en escombros”.  “Cando dicimos que esperan horas referímonos a persoas que están horas en padiolas, incluídas persoas maiores”, denunciou.

Esta situación de saturación non é exclusiva do hospital da Coruña senón que tamén se da no Hospital Alvaro Cunqueiro, no Montecelo ou no Hospital de Lugo, indicou a modo de exemplo de que a saturación das urxencias hospitalarias tense convertido nun problema estrutural na sanidade pública.

Prado criticou a “apertura acordeón”,  de tal xeito que se abren camas “pero cando se ve que baixa un pouco a afluencia de doentes volven pechalas, cando deberían ter todos os efectivos operativos de xeito permanente porque abrir unha cama non é como darlle a un interruptor, require toda unha serie traballos de posta en funcionamento que implica a moitos profesionais”.

Plans de contixencia contra a saturación

A nacionalista indicou que, no CHUAC, os corredores de urxencias son zonas de paso “pero vostedes as están utilizando como se foxen zonas de atención permanente durante horas e mesmo días enteiros, pero non teñen baños, non teñen duchas, non teñen a infraestrutura necesaria para dar comidas, nin para cambiar cueiros ou poñer cuñas pero aínda así o fan de xeito continuado”.

Para acabar con esta situación de saturación dos servizos de urxencia, a deputada reclamou á Consellería de Sanidade que poña en marcha un plan real de estabilidade do emprego, unha intervención eficaz para reducir as listas de espera e máis fondos para a atención primaria como porta de entrada ao sistema, “porque de non ser así as persoas seguirán acudindo ao servizo de urxencias buscando atención sanitaria”.

A deputada nacionalista tamén reclamou a Almuíña os plans de continxencia para evitar a saturación das urxencias en períodos concretos nos que se prevé moita afluencia, “din que existen eses plan pero os profesionais aseguran que non os coñecen”, concluíu.