Montse Prado: “No foro da sanidade escoitaremos as voces vetadas polo PP na comisión de investigación”

Foro Sanidade
Foro Sanidade

Cualifica de “fraude e anomalía democrática” que o Partido popular impida  comparecer  ás persoas afectadas polos recortes na Sanidade pública galega

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado compareceu hoxe, xunto aos portavoces nesta materia dos grupos En Marea e PSdG para presentar o foro da sanidade, unha comisión alternativa na que terán voz as persoas afectadas polos recortes e que foron vetadas polo Partido popular na Comisión de Investigación da sanidade.

Prado manifestou que o “foro acollerá as voces vetadas polo Partido popular” e arrincará o vindeiro luns, ás 10:30 en sede parlamentar nunha sesión que contará coa presenza de Manuel Pereira, portavoz da familia de Manuel Brey, doente falecido este verán no PAC da Estrada por falta de  atención médica ao atoparse o único facultativo  atendendo unha urxencia fora do centro sanitario. Ademais tamén comparecerán,  o médico, Eduardo Díaz Sanisidro, da plataforma  PACs en Pé de Guerra e Pilar Rodríguez Pérez, enfermeira da mesma plataforma.

A deputada recalcou que a sesión quere dar voz, ás persoas que o Partido popular quixo ocultar na súa “comisión fraudulenta” na que só comparecen cargos e expertos  nomeados polo propio PP e trufada de “propaganda e publicidade”. Para a deputada, o proceder do Partido popular responde ao seu interese de “autoexculparse” dos recortes que levou á sanidade a unha grave situación e que na súa opinión “está a facer augas por todas partes” como evidencian as dimisións en bloque de máis de 22 xefes de servizo da Área de Vigo, a folga dos profesionais dos PACc, así como no servizo de ambulancias e no CHUS.

A nacionalista asegurou que “por moita maioría absoluta do PP” o Parlamento galego, “non está ao seu servizo” e  confunde unha Comisión de Investigación cunha Comisión de “aclamación das súas políticas de recortes e privatizacións”.

O obxectivo da comisión alternativa impulsada polos grupos da oposición ante as continuas negativas do PP a ampliar o número de comparecentes afectados polos recortes persegue unha investigación real do que está a acontecer e co fin de presentar diferentes alternativas para defender o dereito á saúde.

O Partido popular, insistiu Prado, converteu a comisión de investigación “nunha mordaza” pero os profesionais da sanidade, expertos e persoas afectas polos recortes terán oportunidade de falar na comisión alternativa ou foro que iniciaremos  o vindeiro luns coas tres primeiras comparecencias ás que lle seguirán outras moitas.

Aínda que o Partido popular impedira escoitar as voces críticas, dende os tres grupos trasladamos a nosa intención de convidar ao PP a que participe na comisión alternativa porque nós, dixo, “acreditamos na pluralidade” e fixemos un gran esforzo presentando diferentes propostas de comparecencias na Comisión de sanidade, esforzo que o Partido popular non atendeu en ningún momento.

Por último, os tres portavoces de sanidade do BNG, en Marea e PSdG volveron a reclamar  a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG