Montse Prado acusa o PP de desatender no verán a miles de persoas do Salnés co traslado a Sanxenxo da ambulancia SVA
A deputada do BNG denuncia cinco urxencias producidas nos últimos días nas que a ambulancia medicalizada chegou tarde ou non foi activada
No caso dun accidente grave de moto en Bamio, tardou corenta minutos, cando desde a base habitual de Vilagarcía estaría en 10’, exemplificou
A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, reclamou á Xunta do PP que rectifique e manteña no Hospital do Salnés a ambulancia medicalizada (SVA) que durante o verán se traslada a Sanxenxo, concello para o que demandou outra ambulancia de Soporte Vital Avanzado que cubra tamén O Grove.
“Deixar na práctica sen este recurso unha parte moi importante da comarca, a comezar por un concello de case 40.000 habitantes como é Vilagarcía, é unha temeridade e unha irresponsabilidade”, denunciou a deputada, que achacou a “criterios políticos” a decisión de Sanidade. “Cada minuto de demora na atención agrava o prognóstico e a supervivencia”, advertiu a deputada que, no mesmo sentido, subliñou que “o tempo de resposta do servizo de ambulancia pode marcar a diferencia entre un desenlace positivo ou un fatal”.
De feito, agregou, as consecuencias do traslado xa se deixaron ver nos nove días transcorridos desde que a ambulancia está en Sanxenxo. A principios deste mes, exemplificou, a ambulancia tardou máis de 40 minutos en chegar ao lugar no que se produciu un sinistro grave de moto en Bamio, “cando estaría a menos de 10 minutos” se permanecese na base de Vilagarcía.
Para prestar asistencia noutro accidente grave de moto en Ribadumia, a ambulancia tardou 30’ e ante unha parada cardiovascular dunha persoa en Cuntis “xa non activaron, porque tardaría arredor de 40 minutos en lugar de dez”, expuxo. Entre outros casos, referiuse tamén á indisposición grave dunha persoa en Vilagarcía, lamentando que neste a ambulancia chegou tarde e a persoa faleceu.
O quinto caso ao que se referiu a deputada do BNG foi o dunha persoa afogándose na praia das Sinas en Vilanova, para o que tampouco se activou a ambulancia. “Enviaron o helicóptero que tardou moito máis que os sete ou oito minutos que tardaría desde o Hospital do Salnés”.
É por iso que a poboación do Salnés ten “acendidas as alarmas”, porque “ven como a súa saúde e vida está en risco diante dunha emerxencia”, subliñou a deputada, que este xoves acompañou a unha representación veciñal que presentou no Parlamento 2.700 para exixir a Sanidade unha rectificación e que manteña a ambulancia SVA no Hospital do Salnés durante os 12 meses do ano.
Esa é, precisamente, a primeira das reclamacións recollidas na proposición non de lei que defendeu Prado na Comisión de Sanidade, unha iniciativa que recibiu o voto en contra do PP e na que tamén se reclamaba reforzar con outra ambulancia SVA, na época estival, as zonas de alta afluencia de visitantes de Sanxenxo e O Grove.
Ademais, o BNG demandou que se dote as ambulancias de Soporte Vital Avanzado de dous técnicos, e rectificar a decisión de utilizar a ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital do Salnés para realizar traslados entre hospitais, salvo casos excepcionais, xa que deixa descuberta á poboación da comarca sen atención durante horas.
Nun quinto punto, a iniciativa do BNG propuña realizar os traslados intercentros coa UVI móbil destinada a este fin con base no propio hospital do Salnés, que conta con material, persoal técnico así como facultativo e de enfermería do servizo de urxencias do propio hospital con gardas localizadas e remuneradas para tal fin.