Mini: “A Deputación da Coruña pon a disposición dos concellos recursos con criterios equitativos”

Xosé Luís Rivas "Mini"

Destacou que co novo goberno os concellos coñecen en tempo os recursos cos que contarán para o exercicio seguinte

Trala comparecencia do Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González  Formoso na presentación dos orzamentos, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas destacou o “traballo político e empeño do goberno bipartito, PSdG-BNG para poñer a disposición dos concellos recursos con criterios equitativos” e  indicou  que na actualidade, “os concellos son coñecedores en tempo dos medios e recursos cos que contarán para o exercicio seguinte”.

O actual goberno da Deputación procedeu , nada máis tomar posesión, a aplicar , a diferencia do Partido popular “outro criterio de reparto”  e foi así como os concellos con “ferrados de monte” é dicir, todo o medio rural da provincia da Coruña, “volveron” a ter a consideración e trato que precisaban para frear o abandono das parroquias e do medio rural, explicou o deputado do BNG porque este novo criterio supón que na actualidade “87 concellos da provincia  benefícianse de recursos” fronte ao outro reparto do que só un concello era beneficiado.

Xa o dixemos o pasado ano e volvemos  dicilo hoxe: “o grande paso adiante que  deu este grupo de goberno foi a aprobación do POS+Plan Único de Concellos”, que reagrupou nunha soa convocatoria diferentes plans provinciais e once liñas de subvencións ós concellos, posibilitando deste xeito que tódolos concellos da provincia coñezan antes do novo exercicio e antes da aprobación dos seus orzamentos municipais as cantidades que lles corresponden, sen necesidade de agardar a resolución dunha ducia de convocatorias de subvencións ou de esperar a ver se aparece un novo plan ou unha subvención nominativa”, explicou o nacionalista.

Por outra parte, Rivas  asegurou que  se a Xunta tivese a mesma política de cooperación local que ten a Deputación da Coruña neste mandato, hoxe case tódolos concellos terían maiores recursos para cubrir as súas  necesidades e serían tratados todos eles sen as discriminacións que tan a miúdo observamos no reparto de fondos da Xunta.

 A Deputación da Coruña hai xa máis dun mes trasladou a tódolos concellos as cantidades que cada concello vai recibir a través do Plan Único e que, “unha vez que se aprobe o Orzamento, alcanzará a cifra de 76 millóns de euros, 2 millóns máis ca en 2017, unha cantidade que co Plan Complementario previsibelmente chegue ós 90 millóns durante o exercicio 2018”.

 Nós, desde aquí, tamén solicitamos  á Xunta de Galicia que tome nota da Deputación da Coruña e que lle adiante a tódolos concellos o que que cada un deles vai recibir da Comunidade Autónoma en 2018.

 Xosé Luís Rivas avanzou que as previsións orzamentarias da Deputación da Coruña para o  vindeiro ano van igualmente na liña de reduci-las subvencións nominativas  e lembrou que no último exercicio xestionado integramente polo Partido popular no ano 2014,  as nominativas alcanzaron os 17.795.402 euros, un 23,70% do orzamento. “No primeiro orzamento que aprobou o goberno de coalición, no ano 2016, as nominativas pasaron de case 18 millóns a 8.810.239 euros, e de un 23,70% a un 6,48%. “

 No ano  2017 o resultado na redución das subvencións nominativas é substancial : 4.773.355, un 2,7%. E esa é tamén a liña que vai seguir o orzamento para o exercicio 2018,  “política radicalmente distinta á que leva a cabo o PP cando goberna”.

 Hai que pensar que cada vez que se reducen as subvencións nominativas estamos incrementando os recursos para plans e programas de concorrencia competitiva. Estamos, polo tanto, distribuíndo os recursos con criterios e transparencia, como demandan os concellos e a sociedade en xeral.

O deputado nacionalista manifestou que  a Deputación da Coruña, tanto co Plan Único como coa política de redución das subvencións nominativas, “está a facer tamén un cambio político moi profundo na cooperación cos concellos. Hai un antes e un despois tras o Plan Único”, recalcou.