parlamento galego

Luís Bará ve no Plan Move un claro exemplo da mala xestión dun goberno que incumpre sistematicamente os seus compromisos

Luís Bará
Luís Bará

O deputado do BNG denuncia que autovías como as de Brión-Noia ou Baio- Berdoias, que tiñan que estar rematadas no 2015, aínda están sen iniciar

“Os orzamentos de Infraestruturas son pura ficción, ano tras ano a Xunta do PP introduce partidas zombis que despois non son capaces de executar”, asegura     

O deputado do BNG Luís Bará referiuse ao Plan Move da Xunta como un bo exemplo dun goberno que “incumpre sistematicamente” os seus compromisos, “un mal goberno -dixo- que xestiona mal e que é incapaz de executar os seus propios orzamentos”.  “O plan estrela acabou estrelado”, sentenciou, porque a día de hoxe, tras case 14 anos, a “a inmensa maioría das actuacións previstas están sen rematar ou sen ni sequera empezar”.

Para o deputado nacionalista, o Plan Move é tamén unha boa mostra de que os orzamentos do Goberno do PP en materia de infraestruturas son “pura ficción”, con “partidas zombis” que se repiten ano tras ano sen que se chegan a executar.

Na exposición dunha pregunta formulada ao director xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª, asegurou, neste sentido, que o programa orzamentario de construción de estradas reduciuse en catro años (de 2019 a 2021) en 210 millóns de euros. Só no pasado 2022,  a diminución foi de 56,8 millóns, o 22,3 %, “unha cifra moi relevante que demostra a propaganda e o fume que vende o PP”, manifestou.

Entre as actuacións incumpridas do Plan Move, presentado primeiro no 2009 e reformulado un ano máis tarde, Bará referiuse as autovías de alta capacidade entre Nadela-Sarria-Monforte, Brión-Noia ou Baio-Berdoias, que debían estar rematas no ano 2015 e aínda seguen pendentes. No caso da primeira, o tramo Sarria-Monforte, precisou, xa desapareceu do programa.

O porto seco de Monforte, que tamén tería que estar finalizado en 2015, segue sen accesos e “seco”, ironizou Bará, que aludiu así mesmo á rolda leste de Lugo, prevista para 2013 ou á vía Ártabra como outros exemplos de obras incumpridas.

O mesmo ocorre, engadiu, cos parques disuasorios no entorno das cidades e as circunvalacións previstas no plan, como sucedeu coa de Carballo, “un auténtico escándalo” porque, neste caso, xa no 2010 foi adxudicado un contrato para a elaboración do proxecto e pasados dez anos “sen dar pao a auga” volveuse a adxudicar outro “en vísperas electorais” e, a día de hoxe, “non se puxo nin a primeira pedra”.

Na súa intervención, o deputado nacionalista sumou o Plan Move aos motivos que fan que, a día de hoxe, a Consellería de Infraestruturas estea “totalmente desacreditada, cuestionada e mesmo vapuleada”, aludindo ao respecto tanto ás sentencias do Tribunal Superior de Xustiza e do Supremo sobre as “irregularidades” na adxudicación de contratos de transporte como ao informe do Consello de Contas sobre a xestión do programa de ordenación e inspección do transporte ou ás “demoledoras” conclusións do organismo fiscalizador sobre “o trato claramente favorable para os intereses das grandes empresas adxudicatarias” das autovías galegas.

“O balance é desastroso”, concluíu Bará, que na quenda de réplica a Menéndez, considerou “impresentable” e “un intento de confundir e distorsionar a realidade” que a Xunta do PP intente responsabilizar ao Bipartito da non execución de obras programadas polo goberno de Alberto Núñez Feijóo.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG