Luís Bará reclama mando único para as emerxencias para eliminar o caos como o vivido durante os incendios
O deputado nacionalista critica a rebaixa das partidas para emerxencias despois da vaga de lumes e a falta de previsión da Xunta ante futuras crises
O parlamentario do BNG por Pontevedra, Luís Bará volveu reclamar hoxe no Parlamento galego “un mando único” e máis medios para responder a situacións excepcionais como as producidas pola vaga de lumes no mes de outubro.
O deputado criticou o decrecemento das partidas para emerxencias nos orzamentos da Xunta para o 2018, elaborados, afirmou, “sen atender as graves consecuencias dos incendios” nin a futuras situacións críticas de parecida índole como catástrofes ou accidentes.
Trala comparecencia do vicepresidente, Alfonso Rueda para informar das novas propostas de coordinación en emerxencias, o nacionalista cualificou a intervención do membro do goberno de “decepciónante e pouco novidosa” por incidir en medidas xa anunciadas. Vostede, dixo, volver a practicar o “escapismo” botando as culpas ás deputacións e concellos.
Neste sentido, lembrou que a Lei de Emerxencias do ano 2007 establece as competencias e máis de tres artigos refírense claramente as competencias da Xunta nesta materia. “Non escorra o vulto e asuma as súas responsabilidades”. Por outra parte, Bará estendeu as emerxencias a outros ámbitos como o sanitario ou o salvamento marítimo que, ao seu xuízo, presentan eivas e que deben ser abordadas de maneira urxente.
Para o nacionalista, a comparecencia de Rueda ven precedida “dun fracaso estrepitoso e clamoroso do sistema galego de emerxencias” máis evidente, dixo, na crise dos lumes do mes de outubro. Ante as crises, explicou o deputado, a Xunta debe responder, porque contamos cunha Axencia de Emerxencias e foi o propio persoal de emerxencias, nunha comparecencia inédita, quen describiu a situación de “caos, improvisación, descordinación e desaproveitamento dos recursos”. Os parques municipais de bombeiros da Coruña, Lugo e Ourense mobilizáronse por iniciativa propia. Houbo faios operativos denunciados polos axentes e alcaldías e produciuse un “grande colapso no 112”, con esperas de máis de vinte minutos provocadas pola falta de persoal, “seis traballadoras pola mañá e catorce pola tarde” nunha situación crítica que precisaba dos máximos efectivos.
O peor, manifestou Bará é que isto repítese cando se produce un accidente ou catástrofe como o Prestige, Angrois ou Fandicosta e seguimos sen tomar medidas. Hai que avanzar cara un modelo que integre os servizos de salvamento marítimo sanitario, bombeiros, 085 e forzas de seguridade. “Necesitamos un mando único operativo cunha dirección cualificada que integre os diferentes mandos de emerxencias” e que se reflexe na memoria dos orzamentos do ano 18, reiterou.
A recuperación de servizos básicos nesta materia seguen sen funcionar en moitos concellos ao igual que o plan territorial de emerxencias ou o plan de incendios forestais, sen actualizar dende o ano 2015, concluíu.