O deputado do BNG, Luís Bará criticou que o Partido popular defenda crear unha comisión sobre o Pazo de Meirás cando xa existe unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, concellos e asociacións para a recuperación da memoria histórica traballando para a devolución do Pazo e dos bens espoliados ao pobo galego polo que pediu á Xunta de Galiza apoiar e sumarse a esta iniciativa.
Hoxe, dixo o nacionalista, estamos a falar da devolución do Pazo de Meirás despois de 80 anos do seu roubo e 42 anos da morte do ditador e preguntou como é posible que “bens roubados” sigan en mans da familia Franco. Estamos, ante “unha anomalía histórica e unha vergoña democrática” que pon en evidencia as “complicidades co franquismo, complicidades que tamén existiron durante a Transición e diso sabe moito o Partido popular, “7 fundadores de Alianza Popular foron ministros do franquismo”.
Meirás, afirmou o deputado do BNG, é o símbolo da “impunidade” que segue desfrutando a familia do caudillo ao que sumou os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e Ducado de Franco, unha “vergoña para unha democracia”. Hai que coñecer a verdade dun espolio, dun roubo perpetrado por un réxime “ilegal, saído dun golpe de Estado” e o espolio dunha organización corrupta que foi a que roubou Meirás e os bens ao pobo galego.
Agora, explicou Bará, o Partido popular fai unha proposta “limitada e con moitos erros e inexactitudes” como manobra para acalar o clamor social a favor da devolución dos bens roubados. Vostedes, dixo, dirixíndose ás bancadas populares, negáronse a tramitar a declaración BIC do Pazo de Meirás e mesmo Feijóo chegou a declarar que non era un Pazo, que eran só unhas torres.
O PP rexeitou sistematicamente todas as iniciativas para a devolución de Meirás e demostrou a súa complicidade coa familia e Fundación Franco mesmo “regalándolle 53.000 de subvención para abrir o pazo”. Agora, reiterou veñen cunha iniciativa de “boicot e contra programación á iniciativa tomada pola Deputación da Coruña xunto outras institucións e concellos para crear unha xunta pro-devolución do Pazo ”.
O deputado volveu pedir que o Parlamento formulara unha condena da Fundación Franco. Que o Partido popular condene as declaracións de apoloxía do franquismo e evite que o guía das visitas ao pazo de Meirás sexa “un policía represor”. Bará volveu pedir a ilegalización da Fundación Franco por apoloxía do xenocidio e do franquismo.
O obxectivo, remarcou, é recuperar Meirás e todos os bens espoliados e ademais, “expulsar o franquismo de Galiza e da democracia”. O goberno galego debe sumarse a iniciativa impulsada pola Xunta pro devolución do Pazo de Meirás e non boicotear iniciativas que xa están en marcha.
A proposición non de lei para crear a comisión saíu adiante só cos votos do grupo popular.