Galegas 2024

Luís Bará garante que o BNG aprobará a Lei Galega de Memoria Histórica e fará da memoria unha política transversal na estrutura de goberno

Encontro memoria
Encontro memoria
O cabeza de cartel reúnese con colectivos memorialistas en Moaña para anunciar a recuperación de San Simón como Illa da Memoria e un plan de usos que compatibilice actividades dende o respecto

O 18F hai unha grande oportunidade de levar as políticas públicas de memoria ao goberno galego. Esa foi a principal idea que o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, trasladou hoxe en Moaña aos colectivos memorialistas do país, ante os que afirmou que o Bloque na Xunta de Galiza aprobará a Lei Galega de Memoria Histórica e fará da memoria unha política transversal na estrutura de goberno. “Hai que curar e sandar, pero esta política de memoria non só é boa para as vítimas e familias, é boa para toda a sociedade e para a democracia”, salientou Bará.

Para Bará é precisa como primeira liña de actuación crear un marco legal propio cunha Lei Galega de Memoria Histórica, unha proposta que xa feita dende o BNG como oposición á que o PP votou en contra reiteradamente. Subliñou que é preciso traballar a nova norma e desenvolvela aínda máis para que sexa efectiva como armazón legal onde se inclúa a base xurídica internacional de recoñecemento ao dereito á xustiza, e que recolla a anulación de xuízos e condenas ditadas polo franquismo.

Como segunda medida, propuxo desenvolver unha estrutura de goberno que faga da memoria un elemento central e permita desenvolvela como unha política transversal, non só centrada na programación cultural. Defendeu así, que o departamento de Memoria estea vinculado á Presidencia ou a unha Vicepresidencia para traballar coordinadamente con moitos ámbitos do executivo.

Neste sentido, salientou a prioridade na colaboración do departamento de Educación , algo que non foi posible no bipartito ao “chocar cun muro da consellería que estaba noutras mans” (PSOE), por iso subliñou Bará, é “fundamental ter unha presidenta, a dirección e maioría no goberno, para ter o control de áreas chaves”.

Avogou, así mesmo, pola creación dun Arquivo Público da Memoria que permita recuperar e poñer en valor traballos previos como os realizados dende o proxecto Nomes e Voces, “que o PP laminou xunto ás políticas que se fixeran nos anos do bipartito”. Anunciou tamén que se dará apoio ao programa de localización, exhumación e enterramento digno das vítimas.

En terceiro lugar, Bará asegurou que o BNG traballará a memoria con perspectiva de xénero, posto que é necesario, dixo, “facer traballo de restauración e recoñecemento do papel das mulleres non só como vítimas da represión (que sufriron máis que os homes), senón como protagonistas da resistencia, solidariedade e transmisión da memoria”.

Tamén considerou fundamental impulsar unha liña de supresión e eliminación de simboloxía franquista. Apuntou que non só se trata da simboloxía física, senón tamén de celebracións e prácticas e costumes de orixe franquista “que hai que modificar con nova interpretación e significado”. Subliñou que se instaurará a celebración institucional do Día de Galiza Mártir como data referente para Galiza.

Como outros dos puntos a abordar dende o goberno fixo fincapé na necesidade de dar o protagonismo que merece á guerrilla franquista, desenvolvendo unha programación arredor da loita armada contra o franquismo de homes e mulleres que loitaron por ideais; a instalación do laicismo nas institucións, para que haxa separación entre poderes políticos e ámbitos relixiosos; e a loita contra a impunidade, traballando de lado da busca da xustiza.

San Simón, referente

Unha das liñas de actuación do Bloque será a creación dunha Rede de lugares de memoria histórica democrática. Preténdese que estean sinalados todos os lugares que foron lugares de terror e represión, “e que hoxe son lugares de celebración de ideais”. Anunciou Bará a creación dunha web na que visualizar eses espazos de maneira interactiva, con documentación, testemuños e outra información de interese, así como o deseño dunha programación anual coas asociacións.

Explicou que nesa rede haberá lugares de diferentes categorías: grandes lugares como Meirás mais tamén de carácter comarcal e local, para tecer unha rede no espazo público para que sexa lugar de homenaxe e aprendizaxe. Mención principal fixo á Illa de San Simón, que cualificou como espazo referente da memoria histórica democrática galega.

Bará anunciou que se volverá facer a declaración da ‘Illa da Memoria’ e a desenvolver un plan de usos coa temática da memoria como elemento central, pero deixando a porta aberta a acoller actividades complementarias que enriquezan e diversifiquen potencial da illa. “Son cuestións compatibles, pero debe quedar claro que cada persoa que entre, debe facelo co máximo respecto polo que foi ese lugar cando foi prisión extraordinariamente dura, terrorífica, na que morreu moita xente”, sentenzou.

Insistiu en que San Simón recolle unha “memoria viva”, e aclarou que “dos piratas, de Julio Verne, das cantigas, non hai memoria viva. Pero si hai memoria viva da xente que sufriu alí e garda a memoria desa dor”.

Ademais de poñer sobre a mesa todas estas propostas, Bará fixo unha chamada aos colectivos memorialistas para que “o 18F haxa unha grande vitoria da memoria”, xa que segundo dixo, estas eleccións son “para que a memoria se poña no máis alto do goberno galego”. Chamou ás persoas asistentes a “convencer a moita xente máis e a transmitir idea de que hai unha forza imparable, o BNG, que está empurrando para un cambio, que medra nas eleccións cada día que pasa e que “é a única alternativa real ao goberno do PP”. Salientou que o cambio na Xunta só será posible se hai unha grande mobilización e o voto da xente que quere cambio se concentra no Bloque.

O exemplo da Deputación

A explicación do programa de memoria histórica do BNG por parte de Bará contou co soporte da concelleira en Moaña e exdeputada de Memoria Histórica María Ortega, quen lembrou que o Bloque é unha garantía para as políticas públicas de memoria polo legado feito na Deputación de Pontevedra, dende onde se traballou durante catro anos cunha programación moi diversa que tanto abordou actos culturais, homenaxes, eliminación de simboloxía franquista con axudas aos concellos, ou iniciativas de loita contra a impunidade, acompañando ás familias de Bóveda, Paz e Caamaño, entre outras, para tomar parte da querela arxentina.

Tamén estivo presente no encontro a escritora, investigadora e técnica provincial de memoria no anterior mandato provincial, Montse Fajardo, quen salientou que “pasaron 50 anos dende a morte do ditador e aínda queda moito lixo baixo a alfombra, para iso é fundamental que o BNG presida a Xunta”, dixo, xa que é a única formación que defende as políticas públicas de memoria. Defendeu que “hai que ter proxecto a longo e medio prazo, non só un acto, e reivindicar vidas e ideas e loitar contra a impunidade “, dixo, criticando que dende a Deputación actual, en seis meses, non houbo nin unha soa actividade nin iniciativa.

Fajardo defendeu o investimento na investigación para despois “divulgar e rachar o silencio”. “Precisamos un goberno que semente, estea con nós –dixo como integrante da Iniciativa Galega pola Memoria-. No meu compromiso coas vítimas, é a primeira vez que pido o voto para unha formación política, pero é o mellor que podo facer, porque Luís Bará é parte dos colectivos memorialistas”, asegurou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG