Luís Bará cualifica de “pelotazo anunciado” o proxecto deportivo e comercial de Mos e pide a súa retirada

Luís Bará
Luís Bará

Culpa de “cacicada” modificar o Plan Urbanístico do concello de Mos para beneficiar ao Celta de Vigo e promotores privados que “arrasarán terreos” para construír o proxecto deportivo e un gran centro comercial

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará cualificou hoxe de “pelotazo anunciado e cacicada” a modificación do Plan urbanístico de Mos para construír o proxecto deportivo e un gran centro comercial nas parroquias de Tameiga e Pereiras co fin de beneficiar a promotores privados.

Bará reiterou a súa denuncia de  “pelotazo urbanístico” amparado na  modificación dunha modificación dun artigo da Lei do Solo co único obxectivo de conceder a empresas privadas a capacidade de expropiar terreos para construír un complexo deportivo unido a o gran centro comercial.

Para o deputado, a Cidade Deportiva do Celta é a tapadeira que disfraza a construción do macrocentro comercial na Área de Vigo e que ocupará 142.000 metros cadrados de extensión e 120.000 metros cadrados de edificabilidade. “Non vemos por ningún lado interese público neste proxecto promovido por unha entidade privada como é o Celta de Vigo, que no futuro pode ser de capital catarí o chinés”, alegou.

“Ese capital estranxeiro especulativo que leva tempo tentando facer unha operación en Vigo e área de influencia está  disfrazado de utilidade pública, pero non se trata dun hospital, un instituto, depuradora ou parque empresarial. A declaración pública é o que abre paso a capacidade de expropiación”, argumentou.

No debate da proposición non de lei, o nacionalista  reclamaba retirar a proposta de modificación da lei de Solo e como consecuencia, a modificación do Plan urbanístico de Mos, ademais dunha moratoria nas autorizacións de macrocentros comerciais para defender o futuro do pequeno comercio ameazado polas grandes superficies comerciais.

GRAN RESPOSTA SOCIAL CONTRA O PROXECTO

Na réplica ao portavoz do Partido popular,  Alberto Pazos Couñago que defendeu o proxecto e as  expropiacións,  Luís Bará  afirmou que hai unha grande resposta social contra a construción do proxecto deportivo e comercial. Neste sentido, recalcou que    veciñanza de Tameiga é contraria como evidenciou a asemblea de comuneiros na que de  253 membros , “247 dixeron non”. Ademais, a esta negativa da veciñanza  sumou o informe de calidade ambiental apoiado en estudos da dirección do territorio, de urbanismo, Confederación Hidrográfica, dirección Xeral de patrimonio e do  concello de Vigo, que tildou de  “demoledor” nas súas conclusión. As expropiacións, polo tanto  “non están xustificadas” e se o que queren  facer é unha cidade deportiva, existen terreos no concello de Vigo para construíla, manifestou.

Por outra parte considerou que as grandes superficies comerciais provocan un “impacto brutal” contra o tecido comercial e comercio local  urbano. Si había razóns para paralizar “o despropósito” do campo de golf de Baiona, no caso que nos ocupa, “hai cen veces máis e non o vai consentir nin a xente de Tameiga nin o pequeno comercio de toda a contorna” porque non queren esta “barbaridade” no monte de Tameiga e Pereiras en Mos.

Os votos en contra  do Partido popular impediron que prosperaran as reclamacións da iniciativa do BNG defendida polo deputado, Luís Bará. 

 
 
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG